Dakidarría ou os novos trobadores das Letras Galegas que chegan á Coruña
A banda do Val Miñor pechará este sábado na praza de España a sorte de festival organizado polo Concello

O Concello da Coruña organiza neste 2026 un importante programa cultural e musical para festexar as Letras Galegas de Begoña Caamaño. Os que se encargarán de pechar este sábado esta sorte de gran festival da lingua serán os oito integrantes de Dakidarría, que se reencontran coa cidade na que non tocan dende hai sete anos.
“É un día de reencontros, é un día especial. A nivel repertorio non temos nada especialmente preparado por ser o Día das Letras, porque moitas das nosas cancións xa falan da lingua, da nosa cultura de defendela”, explica Gabri Reigosa, voz principal do grupo.
A banda procedente do Val Miñor pontevedrés chega á Coruña con especial ilusión de tocar nunhas Letras Galegas que se dedican a Begoña Caamaño: “Ela foi unha muller activista, loitadora, moi activa nos campos das demandas sociales, como tenta Dakidarría”.
De feito, bromean incluso con que as Letras Galegas se abran tamén a proxectos musicais, que teñen cancións en galego, que tamén son formas de literatura. “E tamén pedimos que non sexan a título póstumo”, bromea Gabri canda o seu compañeiro Anxo Iglesias, ao mando do saxo no grupo.
Dalgunha maneira xa se avanzou niso, como coas pandereteiras que significaron a literatura oral no 2025 ou naqueles trobadores do 1998, Martín Códax, Mendinho e Xohán de Cangas, precursores da música e a reivindicación como a que representan no século XXI bandas como Dakidarría.
Mentres chega ese momento, a banda será a encargada de pechar a segunda xornada dos actos municipais para celebrar as Letras Galegas. Case como se dun festival se tratara, o Concello programa na praza de España unha xornada de música protagonizada por Kafédepota, MJ Pérez, Adhara & Ritman, a Orquestra Bravú Xangai de Xurxo Souto e 9Louro, canda Dakidarría.
Uniranse novas xeracións e xente de toda a vida nunha rede musical en galego para honrar as letras, nunha sorte de homenaxe de paso ao auxe da música na lingua propia. “Pouco a pouco foise creando un circuito e creo que é moi guai que agora hai unha rede de música en galego. Precisamente 9Louro e Orquestra Xangai son a mostra de dúas partes deste éxito: un chaval que acaba de arrasar e do outro lado, un Xurxo Souto que foi das persoas nos abriu as portas, que foi quen nos meteu na radio a primeira vez e fomentou que fixeramos máis cancións en galego. A cita desta sábado a dos últimos 40 ou 50 anos da música galega”, asinten Gabri e Anxo.
Chega tamén Dakidarría á Coruña un par de meses despois de estrear a súa última canción, ‘A primeira estrela que saia’, dedicada a Sara, a filla de Gabri, de sete anos. Iso si, se alguén quere averiguar se a porán sobre o escenario coruñés, terán que achegarse ao festival das Letras Galegas, manteñen Gabri e Anxo a intriga.
A que non faltará, de seguro, será ‘Terra’, o tema polo que Dakidarría escoita en cada bolo aquel cántico de ‘Se non tocas Terra, tiramos o camión’, que se fixo popular dende o mundo da verbena. Trátase, como o resto de cancións creadas polos oito integrantes, a modo de colaxe de cada gusto e personalidade que integran a banda, dunha reivindicación, pero traída dende a parte optimista e positiva: “Non hai mellor para reivindicar as cousas negativas que ensalzar o positivo e a esperanza. As nosas son cancións que espertan espíritos e que fan saltar. Eu sempre digo que as cancións de Dakidarría son de amor todas porque se eu estou denunciando a inxustiza é por amor á quen está sufrindo esta inxustiza. Nós sempre tentamos dar a volta, a rebeldía manda alegría".













