Circes e Penélopes dánse cita ao pé do Rosalía para render tributo a Begoña Caamaño
Unha lectura pública homenaxeou á autora á que se lle adica neste ano 2026 o Día das Letras Galegas

“Estamos aquí, Circes e Penélopes, diante do teatro da túa prezada Rosalía”, verbalizaba este domingo a mestra e escritora Beatriz Maceda en alusión a Begoña Caamaño, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas e cuxa obra protagonizou onte unha lectura pública organizada pola agrupación cultural Alexandre Bóveda e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) nas portas do teatro Rosalía de Castro.
A pesares da choiva, varias ducias de personas se deron cita nesta xa cita tradicional unha semana antes do Día das Letras galegas. Unha proposta que comezou cunha mestura de música e poesía, da man do dúo Acordeireta, que interpretou poemas de Luz Fandiño ou aquel que Manuel María lle adicou a Alexandre Bóveda: “Que ganas tiñamos de botar esta peza coa asociación”, bromeaban tras interpretala.
Entre a música e a lectura da obra de Caamaño, Maceda deu en ler unha carta dirixida á homenaxeada no día das Letras, pero antes, agradeceu aos presentes acudir á cita “malia a choiva”, porque, ao final, “somos galegos”, aseguraba cun sorriso.
“Volvemos aos teus libros”, verbalizaba Maceda na misiva dirixida á escritora e xornalista viguesa, falecida “prematuramente” no 2014, unha marcha que “deixou un baleiro na cultura galega, pero tamén un legado”, subliñaba Maceda, que destacaba que a súa obra segue a “influenciar” ás escritoras e escritores da actualidade. O Día das Letras porá no seu lugar a figura e a obra de Caamaño, “recollendo o teu legado, para que os rapaces saiban que podemos mudar a historia do país”, para facer del un “lugar máis xusto”, entonaba a mestra antes de ceder o micrófono ás personas que decidiron ler pequenos fragmentos da escritora viguesa unha semana antes das Letras.












