Verónica Bolón | “Ensinar aos humanos é máis complicado que ensinar ás máquinas”
A directora da Cátedra Inditex-UDC recollerá en nome da institución un recoñecemento do Cpeig pola súa contribución ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente

Máis de quince anos de experiencia no campo da intelixencia artificial respaldan a Verónica Bolón (Carballo, 1984), profesora do grado de IA na Universidade da Coruña e directora da Cátedra Inditex-UDC, unha iniciativa público-privada que vén de ser galardoada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) co ‘Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’ pola súa contribución na protección do medio ambiente.
A Cátedra nace no 2023, pero é no ano seguinte cando logra financiación pública para o desenvolvemento da súa actividade.
Como tivo que pasar por un proceso competitivo, non empezou ata 2024. Aínda que os obxectivos seguen sendo os mesmos que no inicio, tiñamos tamén a misión de que se nos coñecera, ao ser un proxecto novo. Creo que nestes dous anos xa empezamos a ser un referente cando se fala de algoritmos verdes. Ese é o principal cambio. Nós temos a parte de investigación, que xa se estaba facendo na universidade, pero tamén había a necesidade de facer divulgación e impulsar un pouco a transferencia.
Por que é importante a IA verde?
Precisamente pola expansión da IA, sobre todo da xerativa, temos o problema do seu alto custo enerxético. Antes non había este problema, porque non se consumía tanto, pero agora estamos vendo estudos ou informes que nos alertan de que este consumo xa é preocupante. Neste eido, aparecen estes algoritmos verdes, que facilitan esa redución de consumo enerxético e no uso que facemos das tecnoloxías. É importante concienciar tanto aos usuarios como ás empresas de que hai que tratar de buscar a forma de intentar optimizar os algoritmos para que consuman menos. De ter máis sentidiño, basicamente.
“Eu estou a favor da intelixencia artificial, pero preocúpame bastante que a utilicemos sen control; fai falta concienciar”
Cando descobre vostede este tipo de IA?
Ao longo destes 17 anos tocoume vivir grandes avances no mundo da IA. Pero foi no 2019 cando chega ás miñas mans un artigo científico que falaba do consumo enerxético dun modelo de linguaxe que dicía que o seu proceso de adestramento emitía tanto CO2 como cinco coches na súa vida útil. A min ese dato, que nunca antes me plantexara, impactoume. Nese momento estábamos traballando nunca colaboración con investigadores da Universidade de Manchester en facer uns algoritmos que usasen menos bits. En vez de 64, usar 18, por exemplo. Aí dinme conta que todo iso que estaba facendo tamén podía reducir o consumo. Daquela a IA funcionaba moi ben, tiña resultados moi bos e se estaba a tratar de conseguilos en menos tempo, pero faltaba unha terceira dimensión.
Pero vostede atópase con este mundo moito antes.
Eu empecei a investigar con intelixencia artificial cando fixen o meu proxecto de fin de carreira, no 2008. A xente pénsase que a IA naceu con Chatgpt, pero non é así. A intelixencia artificial xa estaba presente a mediados do século pasado, aínda que foi a comezos dos 2000 cando se fixo máis potente. Agora xa é unha realidade que somos todos usuarios. Eu teño unha dobre faceta, investigo en IA pero tamén son usuaria destas novas ferramentas, como o resto das persoas. Agora temos uns retos moi importantes porque cando algo se democratiza e se usa tanto, fai falta que a xente coñeza os seus límites, os seus riscos, e as súas potencialidades..., e leva tempo concienciar a toda a sociedade. Eu estou a favor da IA, pero preocúpame bastante que a utilicemos sen control. Fai falta concienciar á poboación.
Parece que se non estás na roda da IA, estás morto.
No caso das empresas, ven esa presión de que se non aplicas IA, deixas de ser produtivo. Si que ten potencialidade, pero fai falta unha formación para poder usala. Isto métenos nun tremendo vórtice no que os propios investigadores temos que estar actualizándonos todas as semanas practicamente con novos modelos e paradigmas. É unha ferramenta que se di que vai cambiar todo e é normal que non se queira quedar atrás, pero isto ten un custo e quizáis non compensa para todas as empresas.
É máis doado ensinar ás máquinas ou aos humanos?
Agora mesmo estamos nun momento no que ensinar aos humanos a entender é complicado. Estas ferramentas fan moitas cousas por nós e entendo que a tentación é grande. Ás veces o alumnado empeza a ser bastante dependente e iso pode ter consecuencias no seu futuro profesional. Ultimamente ensinar aos humanos está a resultarme máis complicado que ensinar as máquinas.
Agora A Coruña vive un momento doce, á vangarda da IA.
A verdade é que a implantación da Aesia nos sitúa como referentes no desenvolvemento da IA. Unha das razóns polas que a Aesia se instalou na Coruña foi a gran traxectoria tanto académica como empresarial no eido da investigación da IA. Foi un recoñecemento que sitúa a cidade no mapa e atrae empresas e atención, que iso sempre é positivo.















