Carlos Freire | “Esa praia do Parrote non sei como deron en destruíla”
O escritor acaba de publicar a súa novela ‘O pícaro Sindiño na Coruña da posguerra’, que lle permite percorrer unha cidade herculina cunha “personalidade” que foi perdendo para dar pé á apertura, caendo polo camiño espazos icónicos como o areal do Parrote

Dende principios do século XX até a actualidade, A Coruña sufriu unha transformación importante en moitos dos seus eidos. Estes cambios pódense ver de primeira man a través do protagonista da última novela de Carlos Freire, ‘O pícaro Sindiño na Coruña da posguerra’ (Medulia), que percorre as andanzas dun mociño “como os Sindiños que había nos tempos da posguerra” ao tempo que mostra como era a cidade daquel momento.
“A novela o que pretende é pór diante dos lectores a picaresca dun mociño de 14 anos para saír adiante en todas as ocupacións que lle van saíndo ao paso, sempre coa intención de gañar unhas poucas monedas”, explica Freire, “eran tempos moi difíciles, porque estamos a falar da posguerra”. A través do Sindiño, os lectores poderán ver as relacións con homes de “diversos oficios”, como mariñeiros, comerciantes, practicantes, polícías ou mesmo futbolistas.
“Non se podía modernizar tanto sen perder todo o que contiña a cidade, non foi algo malo, había que modernizala e agora é moi visitada”
Porque aínda que Freire prefira non desvelar como se desenvolve a anécdota, introduce a Sindiño nun Trofeo Teresa Herrera xogado en Riazor entre Dépor e Oporto. “Quere colarse, pero o botan para atrás”, explica entre risos. “Non a vou desentrañar totalmente, pero ten unha idea que é que os xogadores do Oporto, cando van a entrar a Riazor, o leven con eles, é unha anécdota curiosa”, comenta o escritor entre gargalladas.
A Coruña desaparecida
Pero a Sindiño ocúrrenlle cousas en espazos de todo tipo, algún xa desaparecido. Menta Freire, por exemplo, “o secadoiro de peles que había situado ao bordo da estrada de circunvalación” ou O Parrote, pero tamén algún que sigue a existir, como os xardíns de Méndez Núñez ou o adro da igrexa de San Jorge, “onde xogaba ao fútbol cos amigos, pero naqueles tempos ter un balón era case imposible, entón xogaban cunha pedra”, comenta.
Freire reflexiona sobre os motivos de desaparición da “personalidade” tan característica que tiña a Coruña da posguerra, que se perdeu para dar pé á apertura cara “unha cidade máis viable”. “Hoxe en día, A Coruña non é só A Coruña, tamén é a cidade dos turistas que veñen, por exemplo”, afirma.
“Había que modernizala, ese modernismo estivo moi ben”, subliña Freire en relación á creación do Paseo Marítimo que “abriu a cidade”. “Pero tamén se perderon moitos lugares que lle daban á cidade esa personalidade”, engade. “Non se podía modernizar tanto sen perder todo o que contiña a cidade, non foi algo malo, realmente, había que modernizar a cidade, porque é moi visitada hoxe en día”. “Non se podía manter, por exemplo, aqueles trolebuses grandes que ocupaban moito espazo, que tiñan que seguir unha liña..., hoxe en día a cidade é máis viable”, indica o novelista.
Entre eses lugares que se perderon e que a Freire lle dan un pouco de pena está O Parrote. “Era unha zona costeira desde a que se podía divisar toda a contorna marítima da Coruña, era unha praia que tiñamos na Coruña, a esa non lle encontro eu razóns para... porque foi ocupada por pistas deportivas que penso que son dunha sociedade privada”, incide, non sen engadir: “Non encontro razóns en que se eliminara”.
Si que atopa razóns á desaparición de parte dos Pelamios: “Había que construir nesa zona costeira onde estaban as rochas que chegaban practicamente á cidade, é máis normal que desaparecera, pero O Parrote...”. “Esa praia do Parrote non sei como deron en destruíla e construír pistas privadas”, asegura.
A importancia do amor
Preguntado pola personaxe de Sindiño, Freire destaca que hai un espazo preferente para o amor ao longo de toda esta nova novela.
“O pícaro Sindiño coñece o amor e a admiración por unha mociña que canta na cafetería do Kiosco Alfonso, unha cafetería importante pola que desfilaban, ás veces, os cantantes máis coñecidos”, explica sobre unha parte da novela na que o mociño atopa unha “ledicia casi espiritual”.









