Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

Ibuprofeno Teatro triunfa nos María Casares con seis premios para ‘Reconversión’

A gala celebrada no Rosalía de Castro honrou a Luma Gómez e que lembrou o legado de Manuel Lourenzo

Óscar Ulla
08/04/2026 23:04
Un momento da actuación musical coa que comezou a gala dos María Casares no Rosalía
Un momento da actuación musical coa que comezou a gala dos María Casares no Rosalía
Javier Alborés
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
LICEO-620X50

O teatro Rosalía de Castro vestiuse de gala un ano máis, e xa van 30, para ser testemuña da festa do teatro galego, uns premios María Casares que este ano mutaron na “gala Manolo T. I. (Teatro Independente)” en lembranza do finado Manuel Lourenzo e do seu legado. Parte dese legado subiuse ao escenario, porque quenes entregaron os 16 galardóns foron, precisamente, actores e actrices que nalgún momento aprenderon do intérprete do Valadouro que estableceu na Coruña o seu fogar durante décadas até a súa marcha. Algo que tamén lembraron os premiados, como Santiago Cortegoso, que ao recoller o galardón a mellor texto orixinal por ‘Reconversión’, emocionábase coa lembranza de Lourenzo: “Todos fomos alumnos del”.

E a festa comezou con música, cunha ‘Cumbia do Valadouro’ que foi a antesala dunha noite na que a gran vencedora foi a compañía Ibuprofeno Teatro e a súa obra ‘Reconversión’, que ademais do mentado texto orixinal levou nos petos tamén os premios a mellor espectáculo, mellor dirección, mellor actor secundario (Fran Lareu), mellor actriz secundaria (Cristina Collazo) e mellor espazo sonoro (Alonso Caxade).

Outras tres producións levaron cadanseu par de premios. ‘A serie clopen’, do Centro Dramático Galego, levou para a casa o de mellor actriz protagonista (Natalia Pajarito) e o de mellor dirección de movemento (Marta Alonso Tejada). Pola súa banda, ‘Tromso’, de Morraoconto, gañou o de mellor espazo escénico e mellor iluminación. ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro e Xarope Tulú, obtivo os galardóns a mellor espectáculo infantil e o de mellor adaptación e tradución.

‘Un tal Romeo’, de Aramboia, levou un premio, concretamente levouno Fran Lareu como mellor actor protagonista. Outro levou ‘A biblioteca galáctica contra a IA fantástica’, de Tanxarina, o de mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas. Carolina Díguele gañou o galardón ao mellor vestiario polo seu labor en ‘Alta costura’, de Elefante Elegante. E a lista complétaa ‘O libro da selva, o musical’, de Ártika Cía, que levou o recoñecemento pola mellor maquillaxe.

PREMIADAS MARIA CASARES 2026

A listaxe de candidaturas premiadas era de 16, pero había unha máis. Unha máis especial. O Marisa Soto, o premio de honra da Academia de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que este ano foi para Luma Gómez, que tras un estrondoso aplauso agradeceu un galardón que leva “o nome da miña querida compañeira”. Gómez quixo ter unhas palabras para a súa xeración, “porque resultamos ser clave na construción do teatro profesional deste país”. “Esta profesión ofreceume o privilexio de afrontar moitas e diversas personaxes (...) a verdade, foi intenso e divertido. Aquí estarei mentres o corpo e a mente aguanten”, afirmaba Gómez, antes de recibir un segundo e aínda máis longo aplauso do Rosalía.

Reivindicación e lembranza

A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, destacou no seu discurso o “crecemento” e “mellora” do teatro galego, mais incidiu na necesidade de coidar o noso idioma e ergueu a voz para berrar un “Non á guerra!” co que encarrilou o final dun discurso que rematou con outros dous berros: “Viva o teatro! Viva María Casares!”.

A gala contou con momentos emotivos, como a lembranza para os recén finados: Manuel Lourenzo, Celso Bugallo, Gonzalo Rei Chao, Finola Vázquez, Piti Sanz e Miquel Insua.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina