
Bea Lema será a pregoeira da Feira do Libro da Coruña, que terá lugar entre os días 1 e 10 de agosto. Lema é a autora de O corpo de Cristo, unha obra singular que acadou un amplo recoñecemento internacional, con galardóns como o Premio do Público do Festival de Angoulême 2024, o Premio Bédélys de Montréal ou o Gran Premio da Heroína Madame Figaro, ademais do Premio Nacional de Cómic 2024. A súa proposta artística, que combina ilustración e bordado, convertea nunha das voces máis innovadoras do panorama actual
As Feiras do Libro de Galicia percorrerán en 2026 un total de 13 localidades galegas, entre o 23 de abril e o 29 de agosto, configurando un itinerario cultural que atravesa todo o territorio galego.
Ferrol abrirá o calendario entre o 23 e o 26 de abril, seguido de Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos.
A nova etapa das feiras preséntase tamén cunha nova imaxe gráfica e cun lema que sintetiza o espírito desta edición: “A porta a universos infinitos”.
O concepto remite á capacidade da lectura para abrir horizontes e crear novas posibilidades: un libro permite viaxar, descubrir outras vidas e explorar mundos imaxinarios, pero tamén é unha ferramenta de coñecemento, investigación e pensamento crítico.
O cartaz oficial foi creado pola ilustradora galega Nuria Díaz, que interpreta visualmente esa idea da lectura como unha porta aberta a múltiples realidades.
A renovación programática e conceptual é o comezo, apuntan dende a Federación de Librarías. A intención do colectivo é continuar modernizando o concepto sobre uns alicerces firmes, creando tamén un cambio estético na disposición e formulación das feiras que, de momento, terá que esperar por cuestións orzamentarias, pero no que esperan contar co apoio da Xunta de Galicia en próximas edicións para poder completar a transformación completa do proxecto, meténdoo na nova realidade social e lectora sen renunciar á súa esencia: achegar á lectura ás rúas de Galicia.







