Xurxo Mariño | “Ser científico é ter unha mirada particular cara o mundo que te rodea”
O investigador da UDC recibiu o Premio de Divulgación 2026 da Real Academia Galega de Ciencias pola súa ampla traxectoria no eido da comunicación e difusión científica

Desde que Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) era pequeno, sempre tivo un gran interese pola natureza. Unha paixón que lle ven do seu pai, enxeñeiro técnico agrícola, e culpable de que Mariño, nun deses “paseos polo monte”, descubrise todas as cousas fascinantes que se poden sacar da natureza –e tamén da tecnoloxía– e decidise emprender un camiño en prol da Bioloxía. Non tardou moito en facer divulgación científica, que hoxe premia a Real Academia Galega de Ciencias por toda a súa traxectoria de difusión e comunicación neste eido. “Estudando Bioloxía xa empecei a facer divulgación, montamos unha revista e despois escribía artigos para fanzines da universidade”, comenta.
Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago, especializado en neurofisioloxía; profesor do departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña –onde tamén forma parte do grupo de investigación Neurocom da UDC–, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais, defínese como “calqueira persoa entusiasta con curiosidade polo coñecemento”. Algo que intenta explicar nas múltiples charlas que realiza por diferentes institutos de Galicia e España: “Ser científico é ter unha mirada particular cara o mundo que te rodea; a mirada científica entende que podemos comprender como están organizadas e como funcionan as cousas. Desde esa perspectiva calqueira persoa pode ser científica”, comenta.
“Quen máis se transformou fun eu. Agora teño máis aprecio á televisión; vexo que é un medio que chega a moita xente”, cre o divulgador
Esa curiosidade levou a Mariño polo mundo da divulgación, pola necesidade de contalo. “Cando descubres algo super chulo, sales espido da casa para poder contalo”, di. Algo que todavía se incrementa cando está relacionado co mundo da ciencia. “A medida que fun especializándome na ciencia, fun comprendendo que é moi importante para a sociedade que se entendan algúns principios básicos de como funciona a ciencia. No mundo no que vivimos, se non sabes algo de ciencia, estás vendido. Ou sabes de que vai a cousa ou vas a dicir o que din os demais”, engade.
Os comezos
Antes de ser unha figura recoñecida polo seu paso pola televisión e diferentes espazos divulgativos de renome a nivel estatal e internacional, Mariño aínda lembra os seus primeiros artigos de divulgación. Uns artigos previos aos cafés-teatro científicos. “Cando voltei dos Estados Unidos, xurdiu a oportunidade de facer estes shows, é dicir, falar nos bares de forma relaxada sobre ciencia. Aínda que nós dímoslle un toque especial, íbamos con xente de teatro”, expresa. Un toque que xerou cada vez máis interese pola xente e que funcionaba. “Era moi chulo ver persoas que igual na vida foron a charlas científicas a interactuar contigo”, conclúe.
Desde hai máis dun lustro, o investigador en excendencia da Universidade da Coruña é un dos colaboradores habituais do programa de TVE ‘Órbita Laika’, o late night show de divulgación científica e humor que dá nome ao primeiro ser vivo terrestre en orbitar a Terra. Un programa que cada vez que se emite ven máis de medio millón de persoas. Sinal de que a ciencia interesa. E cada vez máis.
“Quen máis se transformou fun eu. Son moi escéptico da televisión, un medio que ten moito lixo e que busca moito as cousas facilonas e frívolas. Pero, ir por aí e ver que a xente me coñece fíxome cambiar, agora teño máis aprecio á televisión porque vexo que é un medio que chega a moita xente”, cre o divulgador. Agora, pode dicir que se adica, en exclusiva, á comunicación da ciencia. Ademais do programa, dende hai un tempo está inmerso nun proxecto persoal, un libro sobre o proceso da lectura. “Cando lemos, estamos accedendo á linguaxe a través da vista. Para aprender a ler temos que recodificar o cerebro”, sentencia.











