Son d’aquí participa no Alcuentru Trad-Urbán que encherá A Coruña de música tradicional o 21 de marzo
O colexio Eusebio da Guarda e barrio de Monte Alto acollerá as distintas partes deste encontro, que contará con obradoiros, charlas, comida e foliada

O vindeiro domingo, 21 de marzo, A Coruña encherase de folclore coa celebración do Alcuentru Trad-Urbán 2026, que, a través de aulas, charlas, comida e, por suposto, moita festa, amosarán o valor da cultura musical e oral tradicional de Galiza e Asturies.
Este evento chega ata A Coruña tras anteriores edicións en Lugo ou Llanes (Asturias) e co barrio de Monte Alto e o colexio Eusebio da Guarda como grandes protagonistas xeográficos. Pola banda herculina tamén tomará un papel especial a Agrupación Cultural Son d’aquí, que colabora coa organización encargándose tanto dalgunhas das aulas como de exercer de anfitrións na Espicha (comida) para coller forzas durante a xornada.
Aínda que o Alcuentru oficial terá lugar o sábado 21, o venres, día 20 de marzo, como gran novidade desta edición, haberá ás 21.30 horas una festa ‘pre-alcuentru’ foliadeira no CS Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9), un evento aberto ao público ao que levar moitas ganas de bailar, tocar e cantar.

Ao día seguinte, a apertura do Alcuentru terá lugar ás 10.30 horas, para que ás 11.00 comecen os primeiros obradoiros de baile e pandeireta, que continuarán na sesión das 12.30 horas, todos no colexio Eusebio da Guarda. A Espicha celebrarase ás 14.00 horas na sede de Son d’aquí, na rúa Santo Tomás, 40, mentres que dende as 17.30 desenvolverase unha charla cos entroidos como protagonistas, no Centro Cívico de Monte Alto. A festa terminará, como non pode ser doutra maneira, cunha foliada, que abrirán as Cantareiras de Son d’aquí, seguidas de Soi Panderetera, de Xixón. A xornada (obradoiros, espicha e coloquios) está aberta á participación de calquera interesado na cultura tradicional galega e asturiana, previa inscrición a través deste enlace
Os obradoiros da parte galega estarán impartidos por Xabier Espasandín e Tito Iglesias, dous dos mestres das Escolas de Son d’aquí. Co repertorio de Limiñoa (Ponteceso-Comarca de Bergantiños), Iglesias encargarase das aulas de pandeireta (iniciación e avanzado), mentres que Espasandín ocuparase das de baile (iniciación e avanzado).
Da parte asturiana encargaranse Rosa Cuervo e Xesús Torga (baile) e Raquel Vega Roza (pandereta asturiana), cun repertorio composto por Xota Tormaleo, Xota Modreiros, Palmeira, Jota Caldueño (H.ota Gallegada).
Despois de repoñer forzas na comida na sede de Son d’aquí en Monte Alto, o Alcuentru Trad-Urbán trasladarase até o Centro Cívico do barrio, onde haberá dous faladoiros e mostras de dous entroidos tradicionais: o de Samede (Paderne), o único tradicional conservado nas Mariñas coruñesas, e o Antroxu Ayande.
A foliada, na praza de Indalecio Prieto, pechará dende as 21.30 a xornada, primeiro da man das Cantareiras de Son d’aquí e, despois, con Soi Panderetera. Ademais, calquera que toque ou teña un grupo tradicional poderá anotarse na lista para tocar.
Sobre o Alcuentru Trad-Urbán
O Alcuentru Trad-Urbán é un evento que xorde da iniciativa de diferentes colectivos como oportunidade para amosar todas as similitudes e diferencias entre as músicas tradicionais e de transmisión oral entre Galiza e Asturies cunha perspectiva actual.










