Talía Teatro estrea na Coruña a súa ansiada adaptación dunha “farsa grotesca” de Bertol Brecht

Este venres 13 e sábado 14 o Ciclo Principal do teatro Rosalía de Castro está de estrea. A compañía Talía Teatro disporá esta fin de semana unha das “farsas grotescas” de Bertol Brecht, que transcurre agora baixo o nome de ‘Artur Ui, o ovo da serpe’.
Esta adaptación diríxea Quico Cadaval, quen na presentación da obra lembraba que a peza orixinal do dramaturgo alemán “trata do ascenso do fascismo”. En torno a iso xira a imaxe do cartel, cunha serpe dentro dun ovo: “É a idea de ver o mal cando aínda é pequeno”, comentaba Cadaval, que aproveitaba a presentación para eloxiar aos compañeiros de Talía. “Con este equipo é moi fácil facer unha das farsas grotescas de Brecht”.
Cadaval, que deixou claro que non só esta peza, senón que calquera obra de teatro é “política”, eloxiou tamén o recinto: “É o teatro con mellor sonoridade do país e parte do estranxeiro”.
Acompañaban a Cadaval Artur Trillo, parte do elenco da obra, e o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro. Foi Trillo quen destacou que esta é unha “adaptación de Bertol Brecht que levabamos tempo querendo facer” e que tiñan claro que “a combinación Cadaval-Brecht podía ser un bo punto de partida.
“Hai moito traballo detrás dunha estrea como esta”, afirmaba, pola súa banda, o edil de Cultura, que aproveitaba para destacar “a boa saúde das artes escénicas e dun recinto que é santo e seña da nosa cultura”, dicía en relación ao Rosalía de Castro. “Esta obra vainos facer reflexionar sobre o mundo que vivimos, sobre aqueles desafíos que temos que afrontar para que non avance o fascismo, para que non avancen os totalitarismos”, engadía.













