Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

Catro empresas coruñesas internacionalizan os seus produtos coa axuda do programa “Galicia Avanza"

Desde sistemas innovadores para optimizar o rendemento das fachadas ventiladas, equipos de seguridade laboral, ata complementos de moda ou empanada galega tradicional

Costumes Coruña
Costumes Coruña
Cedida
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Na cuarta edición do programa, que acaba de concluír, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.

Durante os dez meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das pemes e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras firmas. Das 30 pemes participantes, catro están instaladas na cidade da Coruña ou na súa contorna.

Costumes Coruña 1
Costumes Coruña
Cedida

Costumes Gastronómicas (A Coruña)

Exporta a Europa a tradicional empanada galega de masa de pan quebrada

Costumes Gastronómicas de Galicia, con sede na Coruña, é un obradoiro de panadaría cuxa actividade comezou en 2015 coa idea de dar resposta á crecente demanda, fóra de Galicia, dunha alternativa de calidade da tradicional empanada galega de masa de pan quebrada. O produto elabórano artesanalmente, a man, con ingredientes naturais e sen aditivos. Consérvase mediante ultraconxelación, o que permite distribuílo en mercados exteriores. Ademais, non utilizan plásticos nos envases nin nas embalaxes.

A empresa ofrece unha ampla variedade de formatos, tamaños e un total de 14 sabores, con opcións de carnes, peixes, mariscos, vexetais ou veganas. Así mesmo, adaptan o produto aos requirimentos dos mercados, para cumprir, por exemplo, coas leis islámicas, que prohiben o consumo de certos alimentos.

Nestas dúas décadas levaron a empanada galega a recunchos de toda España e a diferentes países de Europa, tanto a panadeiros como a restaurantes, caterings, empresas de alimentación… Exportaron por primeira vez en 2021 a Suecia e logo a Bélxica, Francia, Noruega, Polonia, Portugal, Suecia e Suíza.

Co impulso de “Galicia Avanza”, a empresa centrou a súa expansión a Francia e Bélxica, dous países cunha importante tradición panadeira; aínda que tamén ten as vistas postas nos EEUU, Hong Kong, Dinamarca, Alemaña, Australia, Portugal e Qatar. No marco do programa, ademais da análise dos mercados de interese, adaptouse a súa páxina web e a etiquetaxe aos países de destino e leváronse a cabo diferentes accións de promoción internacional, co fin de reforzar a presenza da firma no exterior.

Fio de Martié (Bergondo)

Complementos exclusivos con destino a Europa, Oriente Medio, México e EEUU

A firma Fio de Martié, situada en Bergondo, dedícase ao deseño, confección e venda de complementos de moda exclusivos, en especial panos de seda, fulares, bañadores e gravatas. Contan cunha marca propia que venden en España, Portugal, Francia, Bélxica e Reino Unido. Ademais, desenvolven produtos personalizados para empresas, en particular autoridades portuarias, cadeas hostaleiras, aeroliñas, gandarías de cabalos… Destacan polas súas colaboracións con pintores galegos, ao pasar os seus cadros á seda; sendo ademais únicos no mercado no alugueiro de gravatas.

Fio de Martié
Fio de Martié
Cedido

A empresa combina artesanía, deseño contemporáneo e sustentabilidade para crear pezas únicas. En relación ao seu compromiso co medio ambiente, aproveitan os restos de confección para elaborar cordóns para lentes, chaveiros…

A compañía xa opera en mercados internacionais, cunha acollida especialmente positiva en países latinoamericanos e en destinos de Oriente Medio como Dubái, onde se valora a combinación de deseño, produción española e posicionamento de luxo. Europa preséntase así mesmo como un mercado con alto potencial polo seu recoñecemento do deseño español e pola proximidade cultural e xeográfica, factores que facilitan a consolidación e expansión da marca. No marco de “Galicia Avanza” reforzouse a súa presenza internacional, ao tempo que se traballou para abrir novos mercados en México e Estados Unidos. Nesta liña, levouse a cabo unha prospección de mercados de interese, apoiouse a asistencia da empresa a feiras de moda internacionais de referencia, e rexistrouse a marca tanto na Unión Europea como en México.

Safetop (Oleiros)

Equipos de seguridade laboral deseñados e fabricados en Oleiros

Safetop, con sede en Oleiros e máis de 35 anos de traxectoria, é unha empresa especializada no deseño e fabricación de equipos de protección persoal (EPIs). A súa oferta inclúe máis de 1500 produtos diferentes, como guantes, sistemas anticaída, calzado de seguridade, gafas, pantallas faciais, equipos de respiración, protectores auditivos, cascos ou roupa laboral, ademais de sistemas dixitais de xestión neste campo.

Safetop
Safetop
Cedida

As súas solucións de seguridade, desenvoltas con tecnoloxía propia, diríxense a múltiples sectores industriais. Na actualidade, a firma galega é líder do seu sector no ámbito nacional. No eido internacional colabora con fábricas en China e Taiwán, entre outros países asiáticos. As exportacións representan máis do 14% da súa facturación global.

A súa participación en “Galicia Avanza” permitiulle a entrada en mercados prioritarios para a empresa como Italia, Grecia, Polonia e outros países europeos, onde destacan sectores

como o automobilístico e o metalmecánico, de grande interese para a compañía. No marco do programa, realizáronse accións promocionais nos países de destino, elaboráronse catálogos e vídeos, ao tempo que se traballou na selección dun axente comercial en Polonia.

Strow Sistemas (Carballo)

Sistemas innovadores para optimizar o rendemento das fachadas ventiladas, presentes nos catro continentes

A firma Strow Sistemas está especializada en sistemas de ancoraxe para fachadas ventiladas. Cunha traxectoria de máis de 30 anos, conta cun equipo de enxeñeiros que desenvolven solucións técnicas innovadoras para optimizar o rendemento deste tipo de fachadas. Ademais, realizan fabricacións a medida segundo os requirimentos de cada obra, ofrecendo un servizo integral de estudo e asistencia técnica de cada proxecto.

Safetop
Safetop
Cedida

Os seus sistemas presentan un deseño innovador que facilita a súa instalación, ao tempo que garanten a seguridade, a durabilidade e o cumprimento da normativa vixente. En canto á materia prima utilizada, a empresa deixa atrás os sistemas de aceiro, máis pesados e complexos de instalar, para centrar a súa produción no aluminio, empregando así mesmo tratamentos avanzados contra a corrosión.

Ao longo dos anos, a compañía consolidouse como un referente no sector no eido nacional. Os seus sistemas de ancoraxe están instalados en máis de 3 millóns de metros cadrados de fachadas en toda España, ademais de ter presenza en varios países de Europa, África, Asia e América. Na actualidade continúa a súa expansión internacional, con solucións adaptadas ás necesidades de cada mercado.

No marco de “Galicia Avanza”, a firma puxo en marcha un plan dirixido ao mercado do Reino Unido. Nesta liña, levouse a cabo un estudo sectorial, realizouse unha prospección comercial no país británico, xunto a unha estratexia de posicionamento dixital, o rexistro da marca e accións de visibilidade en medios especializados. O proxecto culmina coa súa participación na feira internacional Futurebuild, que se celebra en Londres.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620