
Os versos inmortais de ‘Adios rios, adios fontes’, nas voces do coro Cantos de Tabernas, deron pé este luns a unha homenaxe á non menos inmortal Rosalía nun acto ante o teatro que leva o seu nome na cidade.
O evento, convocado polo 189 aniversario do seu nacemento, congregou a diversas asociacións e organismos culturais da Coruña. Todo para homenaxear e lembrar á escritoria, “a poetisa do pobo”, como a definiu Carmela Galego, vicepresidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e encargada de presentar o acto. Ao homenaxe, organizado pola AC Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores de Galiza (AELG), acercáronse arredor de cen persoas para ler poemas da escritora e rememorar a súa figura.
Ademais da lectura dos seus poemas, aberta á participación do público, leuse un manifesto da AELG, elaborado este ano por Eva Veiga. Por haber houbo ata teatro, cunha actuación do grupo Noite Bohemia que deixou claro que a figura da poetisa de Padrón está máis viva que nunca.










