Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

Bieito Romero | “Cando din que estamos no cu do mundo, non é verdade: na Coruña estamos na cabeza”

Coruñés do Agra do Orzán, aínda que hai tempo que viva en Armentón, leva corenta anos ao fronte de Luar na Lubre, que celebrará o seu aniversario nuns días comezando unha xira por América

Doda Vázquez
15/02/2026 01:10
Bieito Romero, no Portiño
Bieito Romero, no Portiño
Patricia G. Fraga
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

A vida de Bieito Romero (A Coruña, 1964) comezou tendo como referencia o muíño da Gramela, onde vivía cos seus pais. É un dos seus primeiros recordos do seu barrio, Agra do Orzán. “A parte máis rural comezaba no que chamabamos as pistas para fóra. Da calle Barcelona cara abaixo xa se consideraba cidade”. O da música chegaría máis tarde, case por casualidade e ampliaría moito o seu universo, aínda que el considera que “estamos no centro do mundo”: “Temos un clima estupendo, con auga, vexetación, sen temperaturas estremas... Este que estamos vivindo era un inverno dos de toda a vida. Pero iso é o Atlántico”.

Cal é o primeiro recordo que ten da cidade da Coruña?

O barrio do Agra, que é a miña infancia. Eu crieime no barrio do Agra do Orzán, na rúa Gramela, onde estaba o muiño. Nos viviamos xusto enfrente.

Onde foi ao colexio?

Nos franciscanos.

E que lembra da súa etapa como estudante?

Foi unha infancia feliz, dun neno daquela época. Unha vida de barrio, de xogar na rúa, de interactuar cos veciños... Moi diferente a como se vive agora.

Unha cidade moi diferente.

É unha zona que viviu unha grande transformación, ao pasar de ser un barrio con moi pouca xente a ser o que ten máis densidade de poboación de Europa, podiamos dicir.

E como era de rapaz?

Era moi normaliño en todo, moi comedidiño... Xogabamos ás bolas, á peonza, á billarda –que se chamaba tranca no noso barrio–, aos carros de madeira, tipo carrilanas, que te tirabas pola rúa abaixo. Había que inventar, non había outra cousa. Televisión había algo pero pouca así que había que sacarlle partido á rúa.

Cal son, a maiores dese, os seus barrios na Coruña?

Fundamentalmente, foi ese. Cando eres neno, todo era un mundo; ías á praza Pontevedra e parecía que era outro país. Logo, cando medras, móveste nun ámbito máis amplo.

Referíame, sobre todo, a se viviu noutros sitios.

Non, sempre nesa zona.

Ata que marcha fóra da cidade.

Marchei para Arteixo fai vintecinco anos. Para Armentón, concretamente.

E bota de menos algo de vivir na Coruña?

Non, estou feliz. A Coruña gústame pero prefiro vivir sempre fóra das cidades. Vivimos nunha casa, nun lugar moi tranquilo, que ten as súas vantaxes, tamén os seus inconvintes pero se o poño nunha balanza quédome co sitio no que vivo agora.

Como chega a ter contacto coa música?

Foi algo casual. Non tiña ninguén na familia que fora músico, nin que me introducise nese mundo. Pero unha persoa cercana, aínda que non fora familia de sangue, me foi mostrando músicas, sobre todo música galega, que entón eran novidosas e que me chamaron a atención. Por aí foi onde entrei na música.

Pero empezou tocar xa de mozo.

Con 16. Eu era radioafeccionado con doce ou trece anos: con estación base e antena montada pero chegou un momento no que me aburría. Xa andaba un pouco co da música e vendín aquela estación base e, a cambio, merquei unha gaita. Ese foi o comezo.

Conserva aquela primeira gaita?

Conservo algunha peza. A gaita non, que era moi mala. Compráraa nun comercio da Coruña e estaba feita en Valencia.

Unha gaita feita en Valencia?

Si, era daquelas que facían en serie, que eran máis de adorno que outra cousa. A min pareciame un instrumento marabilloso pero logo resultou que non era así. Aí empezou un ciclo de ir vendo cousas, coñecendo xente, ir meténdome dunha maneira máis seria, que non profesional, que iso viría máis tarde.

Non había moitos referentes, imaxino.

Non había por onde tirar, non había referentes, nin esto estaba considerado algo de valor. Era algo como da aldea, de segunda categoría. É a nosa esencia, pero non se entendía. Despois si se entendeu. Aí empezas a ver que aí hai todo un universo.

E aí, noutros países, é onde empeza a ver que si lle daban valor.

A persoa que me ensinaba todo isto dicía: mira o que están facendo os bretóns, os ingleses... Sempre estamos un pouco por detrás de todo. E nisto non era menos. Era como ver borroso e, de repente, cando pos as gafas, era outro mundo. Empezas a darte conta do que tes diante e de que, coa túa aportación, podes dar valor. Non fumos os primeiros, eh, houbo xente antes pero creo que nós nacemos nun momento para que todo isto collera un valor importante.

Celebran agora os seus corenta anos, que xa son anos.

Corenta anos e 2.500 concertos en máis de 60 países. Creo que somos o grupo galego que máis concertos fixo e en máis países estivo. E con boa saúde: agora marchamos para América, para Europa e para o resto do Estado, o que demostra que o que fixemos estivo ben feito. E imos editar o noso traballo número 21, o que significa sacar un disco cada dous anos, que fan moi poucos. Cal é a nosa virtude? Que temos un público moi fiel, sobre todo fóra de aquí.

E por que fóra?

Ti pasas ao lado da Torre de Hércules e non lle dás importancia porque forma parte da túa cotiandade. Pero ven un de fóra e flipa. Nós somos cotiáns aquí pero unha novidade para os de fóra. A gran virtude e o que nos mantén no tempo é ter impacto en Málaga, en Barcelona, en Estremadura, en Bilbao...

Por que escolleu O Portiño para a foto?

Porque aínda que meu pai era do interior, de Esgos, na Ribeira Sacra, veu relativamente novo. Gustáballe a pesca e mercou unha lancha. O Portiño formaba parte da nosa cotiandade. Cambiou moito pero esa posta de sol, ese lugar marabilloso, todo iso segue aí.

Se tivera unha máquina do tempo, a que momento da Coruña querería viaxar?

Hai moitos tempos que me gustaría visitar, estamos nun lugar único no planeta, aquí era onde comezaba todo. Cando din que estamos no cu do mundo, non é verdade: nós estamos na cabeza. Gustariame ver o momento no que chega Julio César, a historia medieval na cidade vella, a creación das galerías, o castro de Elviña...

E, como coruñés, de que presume cando vai fóra?

Do Atlántico, unha cousa absolutamente única.

Preguntas cascarilleiras

Prefire os churros de Bonilla ou os churros do Timón?

De Bonilla. Miña muller é do Timón. Eu son de Bonilla, sobre todo, polos recordos da infancia. Recordo que ían vendendo os churros pola rúa.

Xardíns de Méndez Núñez ou monte de San Pedro?

Monte de San Pedro. As vistas que tes alí non as tes nos xardíns. E esa zona, co Portiño, para min ten moitos recordos especiais. Aí tes unha perspectiva de 360 grados tanto da cidade como da contorna inigualable.

Rúa da Estrela ou rúa da Barreira?

Bueno... aí xa mo pos máis difícil. A Estrela porque digamos que era a da miña xuventude, que era onde tomabamos as tazas e aínda non se iba á Barreira. Pero despois fun moito, tocaba a gaita e divertinme moito na rúa da Barreira, eh.

Auga de Emalcsa ou auga embotellada?

Pois como non estou aquí, vouche dicir que bebo auga da botella (ri). Teño un pozo pero tampouco a bebo, porque ten moito ferro. Entendín hai tempo, de darlle os biberóns aos meus cativos, que as augas non son todas iguais.

Praia de Riazor ou praia do Orzán?

Pois, por cuestións emotivas, Riazor. Foi a praia da miña infancia, onde me levaban os meus pais. É moito máis bonita a do Orzán pero por cuestións emotivas, é Riazor.

Recorre a cidade a pé ou motorizado?

Como teño que vir de fóra, veño en coche. Aparco onde podo e despois sempre andando. Sempre.

É de xeados tradicionais como os da Colón ou de sabores máis modernos, como Bico de Xeado?

O xeado encántame. Pero nos recordos eu lembro o que era La Ibense.

E cal era o seu sabor?

Chocolate.

É máis dunha verbena ou dun concerto?

Para determinadas historias, gústanme as verbenas pero eu son de concertos.

Dígame algún que fora especial...

Por significación, o concerto de Santa Cristina con Mike Oldfield e The Corrs, no que eu tiven a oportunidade de participar directamente e de vivilo internamente hasta o día seguinte. Ese é o concerto da miña vida.

Non sei canta xente estaba aí; falaba a crónica de  El Ideal Gallego de 70.000 persoas.

Toda, estabamos todos (ri).

Prefire entroido ou San Xoán?

Entroido. Eu son entroideiro e marcho estes días para Esgos. Son de familia de Ourense, dos felos... Coidado, que San Xoán o teño aquí tamén.

Di máis chorbo ou di máis neno?

Eu son de neno. Chorbo, no meu recordo, veu máis tarde.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620