Eris Mackenzie | “Figuras como Pucho son inmortais, a súa música escoitarase dentro de 50 anos”
Será unha das voces da gala 'Bícame Pucho' que organiza El Ideal Gallego o 8 de febreiro no Palacio de la Ópera

O vindeiro 8 de febreiro, o Grupo Editorial El Ideal Gallego organiza, en colaboración coa TVG, a gala 'Bícame Pucho' no Palacio de la Ópera, en homenaxe a Pucho Boedo, e que reunirá a voces máis tradicionais como as de Los Satélites e Paco Lodeiro, con novas xeracións, como Eris Mackenzie, Ortiga ou César Romero.
O alter ego musical do cullerdense Carlos Eirís, Eris Mackenzie, tamén formará parte dunha gala á que chega tras ser contactado por Paco Lodeiro vía redes sociais. Propúxolle participar da homenaxe a Pucho Boedo e a resposta foi clara: “Por supuestísimo”.
Como xorde a súa participación na gala?
Mandoume Paco Lodeiro unha mensaxe por Instagram de que estaban con esta homenaxe e si me quería unir. E foi como: por supuestísimo.
Lembra a primeira vez que escoitou a Pucho Boedo?
Meus pais eran maiores, meu pai tívome con 50 anos, entón sempre estabamos con música desa xeración, tanto galega: Juan Pardo, Xil Ríos, Ana Kiro, Pucho Boedo... como tamén Rocío Jurado, Manolo Escobar, todo iso. Entón, claro, desde pequeniño, non sabería dicirche exactamente cando, pero cando iamos á praia ou as fines de semana de paseo a algún sitio, sempre iamos escoitando música.
Que cre que tiña Pucho Boedo para seguir cautivando á xente máis nova?
A ver, para empezar, cando hai un artista que ten tanto calado, como pode ser Ana Kiro, Xil Ríos, Pucho Boedo... chega un punto no que é inmortal; o sea, a música escoitarase dentro de 50 anos, porque van ser referentes que quedaron gravados na historia. Son xente que nunca desaparece. Agora, inda por riba, está habendo unha recuperación, unha nostalxia, que nos fai regresar máis a eses momentos da historia. Para min, o que se fai con esta gala está moi ben, en tempo e en forma. Eu creo que vai estar moi ben.
Cre que sería posible ter unha figura tan grande como a de Pucho Boedo hoxe en día?
Pois non o sei (ri). Cada vez estamos nun momento de máis vorágine de consumo... con iso hai moita máis democratización dos medios e coñecemento para facer música, cada vez hai máis e máis xente... cando hai moitísima oferta, de repente suele ser como máis difícil centrar o foco nun solo. Non podería poñer a man no lume, pero seguramente si, a probabilidade dinos que haberá máis figuras así, pero, por agora, non son capaz de velas.











