
“Non hai cousa que máis me guste que falar de Pucho Boedo”, deste xeito sinxelo resume Xurxo Souto a súa paixón polo ‘crooner’ do Ventorrillo, figura á que El Ideal Gallego, en colaboración coa TVG, adica a gala ‘Bícame Pucho’ o 8 de febrero no Palacio de la Ópera.
Na súa adolescencia, a música que cantaba Pucho Boedo quizais non era a que Souto buscaría, mais os seus pais tiñan na casa discos coa súa voz. “Un día escoiteinos sen prexuizos e quedei absolutamente fascinado, unha voz e unha sensibilidade que me tocaba no máis fondo de min, sobre todo as cancións en galego”. Non sabe ben por que, pero foi “un amor definitivo”.
O seu avó e o seu tío, ambos Manuel Eiroa, compartiron escenario con quen Souto tilda de “fundador e maior representante da escola coruñesa da canción”. O seu avó fíxoo na orquestra Los Satélites, o seu tío, en Los Trovadores.
Xurxo Souto ten claro que a voz de Pucho “é unha voz que vén do barrio, vén do pobo, vén da aldea, pero que che rabulla no máis fondo do teu ser, por iso cando escoitamos a Pucho, sen prexuízos, da igual a xeración, da igual o contexto, acabas totalmente enfeitizado, conquistado por Pucho Boedo”.
Morría, pero vencía
Souto ten claro que un dos aspectos que máis lle chama a atención do cantante do Ventorrillo é que tivo “unha vida especialmente dura e desgraciada, pero superouse e tirou para adiante a través da música, coa canción era quen de expresar ese desacougo que levaba dentro”. Porque hai que lembrar que o seu pai e o seu irmán “eran obreiros da CNT, do sindicato anarquista, que foron asasinados cando era un meniño”.
Durante o franquismo non o podía por en palabras, “pero transmitía emocións tan profundas que notabas que había algo aí que che emocionaba”. Por isto, un dos momentos artísticos que Souto destaca de Pucho Boedo é o seu paso pola gala de Fin de Ano da TVG en 1985. Por dous motivos.
Primeiro, “porque sabía que iba morrer, e morreu uns días despois, pero quixo cantar”. E cantou “unha canción tristísima”. Fala Souto de ‘O vello e o sapo’, esa letra de Curros Enríquez, “a súa cancion preferida”, unha que lle pediu a Prudencio Romo que musicase. “Un vello que o perde todo, que clama contra os ceos e só lle responde un sapo que di ‘cro cro’”. Destaca Souto que nesa actuación dase un momento simbólico, “cara o final”, cando Boedo canta “mirou para os ceos // co puño pechado” erguendo o puño en alto. “Nun programa de máxima audiencia, ergueu o puño e fixo o saúdo libertario, o saúdo anarquista, en homenaxe a seu pai e irmán asasinados, estaba morrendo, pero vencendo”.
Xusto esa canción é a favorita de Xurxo Souto, pero tamén destaca outras como ‘Galicia terra nosa’, que cantaba en Suiza; ‘Chessman’, influenciada polos seus visionados de películas de Gardel no París; ou ‘Sahara’, o “bolero moruno” que trouxo de Venezuela e que cantou con Los Trovadores.
A máis alta distinción
Hai un factor que Souto agarda que se teña máis en conta. Máis aló de Pucho Boedo “o cantante de música lixeira”, Souto apela a telo en conta como “o gran difusor da literatura galega”.
“As nosas avoas non tiveron clase de galego, estaba prohibido no franquismo, pero chegaron á máis alta literatura galega, chegaron á poesía de Rosalía, de Curros, de Celso Emilio Ferreiro. Grazas a quen? A Pucho e aos Tamara, porque toda esa xente sabe cantar ‘Unha noite na eira do trigo’, de Curros, ese valor non se recoñece”, afirma.
Por este motivo retoma aquela proposta feita hai xa bastantes anos xunto ao escritor coruñés Manuel Rivas “de maneira un pouco provocadora”. “Unha petición formal á Academia Galega para que o Día das Letras, algún ano, se lle adique a Pucho”. “Non foi autor deses grandes poemas, pero foi divulgador desa poesía, polo que merece a máis alta distinción. Reclamo o Día das Letras Galegas para Pucho Boedo”.












