Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

Paco Lodeiro | “En todos os coches dos nosos pais sonaba a voz de Pucho Boedo”

O músico coruñés será parte da gala 'Bícame Pucho', que El Ideal Gallego organiza o 8 de febreiro no Palacio de la Ópera

Óscar Ulla
29/01/2026 04:45
Paco Lodeiro, durante unha gravación
Paco Lodeiro, durante unha gravación
Cedida
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif

A memoria de Pucho Boedo quedou gravada en moitísimas cabezas do país, pero hai dúas que levan anos gardando e difundindo a vida e obra do músico do Ventorrillo por todos os rincóns. Un é Xurxo Souto, “sempre o máis activo nesta memoria”, o outro é quen fala, Paco Lodeiro. “Son un pouco o herdeiro do ‘crooner’ coruñés, un pouco continuador desa escola”, comenta o cantante e presentador, que o vindeiro día 8 de febreiro formará parte da gala ‘Bícame Pucho’, organizada no Palacio de la Ópera polo Grupo Editorial El Ideal Gallego, en colaboración coa TVG, con motivo do 40 aniversario da marcha de Boedo (as invitacións, gratuitas, están dispoñibles en Ataquilla.com).

“Eu son fan de Pucho Boedo de toda a vida, como Xurxo Souto, desde sempre intentamos facer cousas que teñan que ver coa memoria de Pucho”, di en relación a outras homenaxes similares celebradas no pasado. El formará parte do apartado “máis tradicional” da gala do día 8, “onde están Los Satélites e onde estou eu”. Pero a gala non so mirará a esas persoas que “xa teñen unha idade” e que “seguramente gocen máis desa parte”, senón que tamén mira cara as novas xeracións. “O que estamos enfocando é aos novos talentos musicais galegos, aos rapaces que están facendo cousas moi interesantes, que fagan eles unha revisión do repertorio de Pucho Boedo”, comenta Lodeiro en relación a artistas como Ortiga, Eris Mackenzie, Gabriel Fandi, Manoele de Felisa, Yennia ou César Romero. “Que veñan rapaces novos para que o legado de Pucho continúe, para que as cancións sigan sonando”, comenta o músico.

O que estamos enfocando é aos novos talentos musicais galegos, que fagan unha revisión do repertorio de Pucho Boedo"Paco Lodeiro

Así, mesturaranse as voces máis tradicionais coas de “outra xente nova que o que vai a ver é como reinterpretan os clásicos da nosa música, tipos creativos como Ortiga, Eris Mackenzie ou Yennia”.

Legado

A gala busca deste xeito que o legado de Pucho Boedo continúe vivo. “En practicamente todos os coches dos nosos pais que ían da Coruña para as aldeas nos anos 70 sonaba a voz de Pucho Boedo”, comenta Lodeiro, algo que continuou nos 80, 90 e mesmo nos 2000, ben a través da voz de Boedo, ben a través das orquestras, bandas e artistas que mantiveron o seu legado.

“Si lle preguntas a calquera persoa de 50 anos para arriba que che diga dez cancións, pois oito cantounas Pucho Boedo, desde ‘Negra sombra’, ‘Puerto de Compostela’, ‘A Santiago vou’, ‘O vello e o Sapo’...”. Boedo non só foi parte daquelas primeiras gravacións de música en galego, senón que tamén importou música doutras latitudes, como ‘Sahara’, en tempos nos que non era habitual que as cancións cruzaran o charco. “Agora lánzase en Puerto Rico un tema de reguetón e aos tres días está sonando nunha voda do mesón de Pastoriza, pero daquela traer unha melodía que non era das que se tocaba habitualmente era moi complicado, había que traer os arranxos escritos”, comenta Lodeiro cun sorriso.

El ten claro cales son os seus temas favoritos do ‘crooner’ do Ventorrillo. “‘O vello e o sapo’ é a que máis me gusta e coa que máis me identifico, pero tamén me gusta moito ‘Sahara’”, esa canción que trouxo de Venezuela tras a súa viaxe ao país con Los Satélites.

Lodeiro destaca o agarimo que sigue recibindo a día de hoxe a figura de Pucho Boedo, ao que se lle siguen rendendo homenaxes ano tras ano nas festas do Ventorrillo, “alí é fillo predilecto”, subliña Lodeiro, que lembra que ten “dúas esculturas na cidade, sendo cantante, está claro que deixou unha pegada na sociedade do seu tempo”.

Aínda que Lodeiro se autodenomina entre risos “unha persona maior, que teño xa 60 tacos”, era aínda moi novo nos derradeiros anos de vida de Boedo. Aínda así, tivo a oportunidade de velo en directo, algo que ten claro que non sería posible sen unha figura á que a historia musical quizais non tratou como debería, a de Paco Montero. “Lembro unha actuación, si, cando xa estaba cos problemas de ril e grazas a Paco Montero tivo unha segunda xeira nos Tamara”, recorda Paco Lodeiro.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina