Doce anos de traballo para recompilar información de 18.000 represaliados e represores galegos
A comisión de memoria histórica presentou unha base de datos con información da Guerra Civil e da ditadura

Doce anos de traballo foi o que adicou Luís Sánchez Rodríguez para recompilar información de máis de 18.000 personas, todas elas represaliadas ou represoras durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Durante ese lapso temporal chegou o contacto coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), que axudou a volcar todo ese material nunha páxina web (represion.memoriadacoruna.gal) que se presentou no Circo de Artesáns.
“Comecei no 2014 e rematei logo de doce anos, inda hoxe (por onte) estiven a facer algunha rectificación”, apunta Luís Sánchez Rodríguez sobre este amplísimo proxecto de recompilación de datos. A pesares do seu fondo interese pola historia, recoñece que do século XX non sabía tanto. “O que máis cerca me quedaba... por iso me metín con este tema”, afirma.
O primeiro nome era coñeido, Foucellas (Benigno Andrade García), “del xurdiron uns nomes, deses saíron máis nomes, 200 libros que me botei ao lombo e así durante doce anos ata que acadei estas 18.820 fichas”, explica Sánchez. “O meu traballo baseouse moito nunha compilación que se chama ‘Nomes e voces’, da USC, que se abriu no 2006 e que logo, non sei por que razón, quedou medio parada”, cita Sánchez sobre o que foi “unha base importante” de datos que foi ampliando con outras buscas.
Información
Había fichas que non se podían ampliar demasiado, como, por exemplo, aquelas personas “fusiladas nos primeiros días”. Mais había outras moitas persoas “que si teñen moita historia, xente que estivo na guerrilla, que tivo que embarcar e marchar, eses tiveron moita vida posterior, moitos deles, por desgraza, nos campos nazis”.
Buscou datos de todo tipo, buques de guerra, mercantes capturados polos sublevados, información dos campos de concentración, das brigadas internacionais ou pactos dos fuxidos, entre moitos exemplos. “Foron un montón de cousas que me foron acumulando datos, dun xeito que este traballo era case un vicio, desde que me xubilei, hai catro anos, houbo días nos que lle adiquei nove ou dez horas diarias”, asegura Luís Sánchez sobre o proceso de traballo.
A web, a mellor solución
O contacto coa CRMH chegou dun xeito “curioso”. Nunha presentación dun traballo de Rubem Centeno “sobre os soterrados en San Amaro”. No momento de abordar o caso do deputado Luis Rufilanchas, “había unha persoa que a Rubem non lle salía o nome”. Sánchez sabíao: “Era Manuel Fernández”.
Na comisión de memoria histórica sorprendéronse de que soubese o nome e descubriron que era polo traballo que levaba anos desenvolvendo. “Buscáronme ao salir para falar do tema e volcáronse comigo”, asegura Sánchez.
Había que buscar un xeito de poder mostralas ao público. Víñase á mente un libro, pero era unha quimera. “Claro, serían 4.014 páxinas, teríamos que facer unha enciclopedia de dez tomos”, asegura, antes de engadir que a web era a solución perfecta, pola súa “accesibilidade”.











