
Namentres algúns aproveitaban os poucos raios de sol do inverno coruñés, na praia de Santo Amaro resonaban os cornos que chamaban polos fieis ao santo que da nome ao areal, que reivindicaron este domingo a súa figura e as tradicións puramente coruñesas. Capitaneados por Xurxo Souto, varias ducias de personas fixeron unha interpretación da lenda de Amaro navegante, foliada incluida, no seo dunha praia que "é infancia, na que todos temos vivencias".
"Estamos reivindicando a lenda de Santo Amaro, nós coñecemos esta praia desde pequeniños, unha praia fundamental da cidade, pero moi poucos coñecen a súa historia", comenta Souto, que deixa claro que o santo que da nome á praia e ao cemiterio nada ten que ver con San Mauro. "Son dúas personas diferentes, Mauro foi un santo italiano, discípulo de San Bieito; pero San Amaro foi un santo que non existe, que non aparece no santoral romano, pero a súa devoción foi tan grande que foi identificado con Mauro", explica Souto con acenos de abraio. "Santo Amaro foi un navegante que atopou a Illa do Paraíso", afirma.

O acto, sen grandes despliegues técnicos, tal e como bromeaba Souto ao comezar, foi tamén "unha forma de reivindicar esa gran historia da que somos partícipes mesmo sen darnos conta". "E tamén é unha forma de reivindicación dunha forma de beleza que nos roubaron, porque San Amaro tiña un castelo, que é o actual Club do Mar; tiña unha capela, que estaría aí arriba (di mentres sinala cara a avenida de Navarra); e tiña unha fonte, a fonte do Picho, que foi cegada e que permitiu, a desaparición desa fonte, que agora se poida construir bloques de vivendas nun lugar que debería ser de todos, mais nunca un lugar para a especulación", asevera Souto.
Unha obra de teatro coral
Con pequenos Amaros atendendo desde os colos dos seus pais, comezou así unha breve introdución á lenda de Amaro navegante, que proseguiu cunha representación coral da mesma, da que foron partícipes as ducias de personas presentes no areal.
Esa breve obra de teatro cuasi improvisada rematou cunha foliada ao ritmo da gaita, da pandeireta e dos cornos, cun coro de voces que recibiron o domingo coruñés cantándolle ao santo navegante.
Vencellados ao mar
Este acto dominical foi tamén unha forma de mirar a ese mar ao que non prestamos a atención suficiente e do que pouco nos ensinaron na escola. "A Coruña é unha cidade barco, unha pedra chantada no medio do Atlántico, dicía Luísa Villalta: 'Cidade tatuada na pétrea pel do mar'", lembra Souto.
"Estamos educados como terrícolas, ninguén nos fala do mar", di quen lembra ter aprendido do mar "no noso barrio", grazas a figuras como Milucho Mariñas. "Vivimos na Coruña, dicimos que somos da cidade, pero poucos saben onde queda a Rabaleira, desde aquí, desde o Club do Mar, temos o Gancho, o Grelle, o Redondo, a Longuiña, a furna do Altar, o Boi, a Vaca, o Becerro, o Becerriño... todo iso está na nosa cidade, pero ninguén te fala disto e é moi triste", comenta Souto. "Por iso é outra reivindicación da outra Coruña do mar da que nada sabemos e na que está o noso futuro", conclúe.











