Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Entrevista CTV

Gonzalo Castro | “Cando eu estudaba, o instituto de Zalaeta era un bulir de mobilización estudantil e de compromiso”

O concelleiro de Cultura e Turismo recoñece que, aínda que vai moito polo centro, se sinte máis cómodo nos barrios, sobre todo nos Mallos, en Monte Alto, en Elviña e no Barrio das Flores

Doda Vázquez
04/01/2026 07:30
Gonzalo Castro, diante do instituto de Zalaeta
Gonzalo Castro, diante do instituto de Zalaeta
Carlota Blanco
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

Primeiro dos Mallos e despois de Monte Alto, Gonzalo Castro (A Coruña, 1972) deu os seus primeiros pasos como monaguillo na igrexa de San José pero pronto o cambiou polo fútbol. Deportivista acérrimo, xa estaba aí en 1987 na creación dos Riazor Blues: “A vida levoume traballar fóra da Coruña, volvín, pero nunca deixei de ter o Deportivo na cabeza”, confesa.

Cal é o primeiro recordo que ten da Coruña?

Nos Mallos. Nacín na rúa Europa, número 13. Era onde daban a volta as liñas do autobús e meus pais tiñan unha parrillada, Camagüey, na esquina. Un dos primeiros recordos que teño é que os condutores, que paraban alí, me levaban facer a ruta. Con sete ou oito anos tiña controlado Juan Flórez, a praza de Pontevedra, a de Vigo... Marchamos no 83, cando tiña 11 anos, e lembro tamén o tema da droga. Por iso me chama a atención hoxe cando falan de inseguridade. Aqueles anos si que eran complicados.

Onde foi ao colexio?

Ata os once, á Sardiñeira. Despois, cando viñemos para Monte Alto, ao colexio Torre de Hércules, que entón era Sanjurjo. E despois xa viñen a Zalaeta.

Por que elixiu o escenario do instituto para facer a foto?

Porque no instituto, polo menos no meu caso foi así, é onde vas conformando a túa personalidade, estableces relacións incluso persoais que, nalgúns casos, duran toda a vida. E tamén é onde empezas reflexionar sobre o mundo, as inxustizas... Zalaeta naquel momento era un bulir de mobilización estudantil e compromiso con causas xustas.

Que tal alumno era?

Sacaba as cousas adiante pero sempre tiven tendencia a meterme en mil líos (risas). O movemento estudiantil consumía moito tempo. Era un estudante máis ou menos aceptable.

E que quería ser de maior?

Esa é unha boa pregunta... Eu decido facer Dereito despois da selectividade, no último minuto, como moita xente, por descarte. Afortunadamente, acertei. A carreira de Dereito ten moito de ciencia social, organización, grupos humanos... e todo iso, para alguén que ten inquedanzas políticas, está ben.

E aí decide ir pola parte política.

Realmente, non foi unha decisión. Eu estaba exercendo a avogacía, primeiro por conta allea e despois cun socio, e xorde a posibilidade de incorporarme ao gabinete de asesoramento técnico do grupo parlamentario do BNG. Presenteime ao proceso selectivo e resultei escollido. Aquelo foi unha escola política de primeirísimo nivel porque tiven a fortuna de compartir traballo con persoas do nivel de Paco Rodríguez, Pilar García Negro, Carlos Aymerich ou Francisco Jorquera, que é compañeiro agora na corporación. Era un máster en política e aprendín moitísimo. Sobre todo, reforcei valores e principios que deben estar sempre.

Como por exemplo?

Que calquera actuación debe estar presidida polo interese xeral. E ter presente no día a día que xestionas recursos de todos.

Aínda que naceu aquí, hai xente que cre que non é da Coruña.

Nacín na Coruña, estudei aquí, os meus amigos fíxenos aquí, a miña primeira borracheira tívena na Coruña (non me vai iso do politicamente correcto de dicir que nunca te emborrachaches,  temos que recoñecer que somos normais, como todo o mundo). Meus pais son de Ordes, viñeron para Coruña pouco antes de nacer nós, nos anos sesenta. A xente, cando ve no teu currículo que fuches candidato á Alcaldía de Ordes, cre que es de Ordes. Eu fun candidato porque me chamaron; non había consenso e me pediron que fora. E eu sempre fun moi disciplinado...

Disciplinado non sei pero a fama que ten é de chegar sempre tarde.

Sempre non (ri). Teño unha axenda apretada e non son dos que despacha a alguén en dous minutos. Se vou a un sitio gústame estar, falar coa xente... Aínda que sexa para levar críticas.

Leva moitas críticas pola rúa?

Noto unha cousa: cada vez me para máis xente. E, cando te paran, normalmente non é para dicirche que todo moi ben. Ás veces gastamos un diñeiral en enquisas cando, indo pola rúa, sumas rápido un máis un.

E por onde lle gusta pasear?

Gústame máis estar nos barrios. Teño moitos amigos en Monte Alto, no centro, nos Rosales... pero tamén é certo que teño unha vinculación especial con Elviña e o Barrio das Flores.

A súa parece unha concellería amable. É máis doado o traballo en festas, turismo e cultura?

A alcaldesa conseguiu unha cousa, que foi integrar festas en cultura, algo que antes estaba por separado. É un gran acerto porque responde a unha concepción da cultura que hai que defender, hai unha parte importante das festas que é cultura: o Noroeste, a homenaxe a Sito Sedes na praza de María Pita, as Tanxugueiras no Coliseum... Parece desde fóra unha concellaría amable pero ten un nivel de esixencia altísimo porque todo ten una visibilidade inmediata. Noutras non se ven as accións ata que se consolidan ou pasan anos pero nesta o bo e o malo é que todo se ve moi rápido.

E todo o mundo ten o seu artista preferido...

Desde logo. Esto é como o fútbol: ti vas a Riazor e esas 25.000 persoas son 25.000 adestradores. Cando deseñas unha programación cultural, sabes que é imposible agradar a todo o mundo pero tentas buscar un equilibrio en gustos, en idades... Todo o mundo opina pero hai que escoitar. Na maioría das ocasións, sacas conclusións para correxir erros e facer carteis que integren máis a todo o mundo. Eu estou moi atento sempre ás criticas. As construtivas, sobre todo.

Dígame un momento do que estea satisfeito do seu labor...

Hai un que recordarei toda a vida, que foi o concerto de Tanxugueiras na praia de Riazor, no Noroeste. Aquelo foi autenticamente máxico, con aquela néboa que acompañou a entrada das artistas, esa praia abarrotada, esa conexión interxeracional... Foi moi especial por como se concebiu. No mes de xaneiro, estabamos mirando a programación e falabamos de traer a Tanxugueiras. Alguén do meu equipo preguntou se ían a Santa Margarita e eu dixen que non, que á praia de Riazor. E aínda non foran ni ao Benidorm Fest... Ás veces dáse a casualidade de que acerto (ri).

Xa sei que os políticos non son moi de dicir o negativo pero habería algún momento non tan bo.

Hai cousas que non saen como tiñas esperado pero como momento duro foi o momento no que houbo un problema financeiro no IMCE, cun desgaste, xa non político, senón persoal, moi grande. Son cousas que vives en silencio pero tamén onde aprendes. Moitísimo. Dicía un adestrador de fútbol que só hai dous resultados: gañar ou aprender.

E, falando de fútbol.... Que pasa co Mundial?

O que toca agora é traballar. Toca sempre pero agora máis porque estamos no momento decisivo.

Se tivera unha máquina do tempo, a que época da cidade viaxaría?

Á época da fundación das Irmandades da Fala, no 16. A toda esa época de ebulición cultural

Preguntas cascarilleiras

Prefire os churros de Bonilla ou os churros do Timón?

Churros do Timón. Durante moito tempo almorzaba aí co meu irmán, que xa faleceu, porque traballaba en Catro Camiños.

É máis dos xardíns de Méndez Núñez ou do monte de San Pedro?

Vou dicir monte de San Pedro, aínda que diría que Torre de Hércules. O entorno da Torre, que foi onde pasei a miña infancia, me encanta.

Para ir tomar algo, a rúa da Estrella ou a rúa da Barrera?

Case vou quedar coas dúas porque as dúas representan dous momentos diferentes da miña vida. Cando era máis novo, a rúa da Estrella, e despois, á Barrera. Son épocas diferentes.

Bebe auga de Emalcsa, auga da billa, ou auga embotellada?

Bebo dúas augas da Coruña: a da billa e Cabreiroá, a que embotella Hijos de Rivera. E na cervexa, de feito, ten moito que ver que a auga sexa a daquí.

Gústalle máis a praia de Riazor ou a praia do Orzán?

Orzán. E Matadero. E tamén a praia das Lapas. Tiñamos unha cova, na praia das Lapas, e un día, con 14 anos ou así, quedamos alí e non podiamos saír, non había móbiles nin nada polo estilo. Escoitaba o helicóptero... estivemos alí ata as tres da mañá. Foi a bronca máis gorda que levei de meu pai.

Como se move habitualmente pola cidade, a pé ou motorizado?

Sempre que podo, a pé. Pero a verdade é que, cando tes que ir a moitos sitios, non che queda outra que coller o coche pero tento ir a pé a todos os sitios.

É de xeados máis tradicionais, coma os da Colón, ou máis modernos como os de Bico de Xeado?

Son clásico. Gústame o de limón.

Se tivera que elixir, é máis dunha verbena ou dun concerto?

A min gústanme os dous. Depende que verbena e depende que concerto (ri) pero si, os dous. A resposta correcta coido que sería foliada.

No que atinxe a festas, prefire o Entroido ou San Xoán?

Uf... Entroido.

Disfrázase?

Si, si, si que me disfrazo. En realidade, a esta pregunta respondería doblemente: o Entroido e o San Xoán de hai vintecinco anos, o San Xoán dos barrios. Viviamos xusto enfrente á Domus e lembro na canteira, onde xogabamos continuamente, faciamos unha cacharela que se vía en todo o Paseo Marítimo e que viña todo o barrio.

Di máis veces chorbo ou neno?

Neno. De feito, dígoo na Concellería. Falo co meu director de área ou con algún funcionario e dígolle así. Xa están acostumados pero ao principio quedaban un pouco así (ri).

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620