
Tras doce meses percorrendo escenarios e conectando co público de todo o país e de fóra —Montevideo, Bos Aires, Lorient, Gante, Bilbao, Madrid, Barcelona, Vigo ou Santiago, entre outros moitos— Xabier Díaz presenta a súa Xira de Nadal 2025, o colofón perfecto a un ano especialmente intenso e significativo para a música tradicional galega e, moi especialmente, para as cantareiras, cuxo legado continúa a inspirar o seu traballo.
Nesta despedida de ano, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre regresan a lugares moi significativos na súa traxectoria. A xira arrancará no Pazo da Cultura de Narón, o 13 de decembro ás 20.00 h. Unha semana despois, o público da cidade herculina poderá gozar do concerto no Teatro Colón da Coruña, o 20 de decembro ás 20.00 h.
A recta final levaraos a Boiro, onde ofrecerán unha das noites máis especiais da xira na Pousada da Galiza Imaxinaria, o 27 de decembro ás 20.30 h. As entradas físicas están dispoñibles na propia Pousada (venres e sábados, 21:00–05:00 h) e en Baldani Tenda (De luns a sábado, de 10:00–14:00 e de 16:30–20:30 h).
O broche final terá lugar en Santiago de Compostela, na Sala Capitol, o 28 de decembro ás 19.30 h, nunha noite moi agardada pola comunidade bailadora e polos seguidores da música de raíz. Os menores de 16 anos deberán acceder acompañados de nai/pai ou titor legal. Todas as entradas están á venda en www.xabierdiaz.com ademais de nos puntos físicos antes citados.
O 2025 foi o ano das nosas cantareiras, cunha homenaxe explícita ás mulleres que transmitiron oralmente boa parte da nosa tradición musical. Neste contexto, o músico continúa a difusión do seu “Cancioneiro Galego Serodio (1989–2012)”, unha obra que recompila máis de tres décadas de traballo de campo por Galicia e polos territorios arraianos: “Este cancioneiro é un agradecemento profundo ás mulleres que fixeron posible que a nosa tradición siga viva hoxe”, destaca Díaz.
O libro-disco —á venda na web e tamén nos seus concertos—, inclúe centos de textos líricos, fotografías das informantes, historias recollidas en cada porta e unha ampla escolma de audios orixinais que permiten experimentar a tradición desde unha perspectiva íntima e contemporánea.
A Xira de Nadal 2025 non só pecha un ano excepcional, senón que tamén serve de ponte cara ao futuro: Xabier Díaz adianta que o 2026 traerá proxectos novos, que continuarán dialogando coa tradición. Narón, A Coruña, Boiro e Compostela convértense así nos escenarios dun peche de ano que honra o pasado, celebra o presente e abre camiño ao que está por vir.














