Recuperan a memoria da primeira muller que deu un mitin en Miño
Aurora Marco vén de publicar un libro sobre a figura da profesora María Vázquez, represaliada no 36

Unha mestra vocacional, unha renovadora pedagóxica, unha muller progresista que deixou unha fonda pegada nas súas alumnas, tanto na Pobra do Caramiñal como en Miño. Ese sería un resumo moi sintético da figura de María Vázquez, a mestra compostelana, formada na Coruña, á que Aurora Marco adica o seu novo libro, ‘María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo’ (Alvarellos), que presentou na Fundación Luis Seoane.
“Tiña un compromiso social que a levou a involucrarse con frecuencia en accións humanitarias”, explica Marco de María Vázquez, de quen destaca a súa militancia socialista, que a converteu “na primeira muller que falou en Miño, que deu un mitin”, nunha época na que “as mulleres apenas actuaban como oradoras”. “Tiña moitas proxeccións e cando chegou o golpe militar era considerada unha muller perigosa, unha muller que envelenaba as almas das alumnas”, lembra a autora.
Mais a pegada que deixaba nas súas alumnas non era tan vil como a pintaban eses informes. “É bastante unánime a opinión que deixou”, indica Marco, que asegura que as súas alumnas trasladaron ás seguintes xeracións o aprendido. “Era unha muller que as estimulaba, que as empoderaba, como dicimos actualmente. Apelaba a que actuasen por si mesmas, que buscasen un porvir, que non dependensen de ninguén, que traballasen, que se formasen... avogaba porque a educación feminina fose moi completa, que non estivesen pendientes de casar, senón que fosen autónomas”, enumera.
“Foi algo que lles serviu moito, as ensinanzas da mestra María Vazquez”, engade Aurora Marco, que explica que moitas das súas alumnas ou ben emprenderon obradoiros ou negocios, ou ben buscaron o porvir fóra.
Era unha muller que estimulaba ás súas alumnas, que as empoderaba"
Pero ademais de mestra, Vázquez foi “unha muller de grande proxeccion”. Foi cofundadora do Partido Socialista de Miño, tivo cargos orgánicos no de Pontedeume, foi sindicalista da UXT e tivo incluso o cargo de vicetesoureira. “Foi unha muller moi comprometida coa defensa dos dereitos femininos”, engade.
Todo isto é froito dun “traballo longo”, para o que a autora tivo que botar man de fontes orais e de arquivos que descoñecía, como o Eclesiástico Castrense de Madrid ou o do Museo Xeneral Militar de Segovia, nos que atopou lugares onde viviron e a partida de bautismo da mestra compostelá.






















