Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

A historia da Contraarmada, de María Pita e a defensa da Coruña dá o salto á pantalla

Simón Casal dirixe un documental que revisita o acontecido durante o asedio inglés, cun ollo no pasado e outro na distribución que ten a cidade na actualidade

Fotograma do documental, cos Royal Green Jackets en primeiro plano
Fotograma do documental, cos Royal Green Jackets en primeiro plano
Filmoteca de Galicia

A historia do ataque de Francis Drake e a defensa da Coruña ten un halo de lenda fundacional da cidade, encumbrando a María Pita ao estatus de heroína. Pero a historia tivo as súas voltas, tantas que pese a sufrires dúas duras derrotas na Coruña e Lisboa, os ingleses chegaron a contar unha versión da que saíren favorecidos. Agora queda reflectida nun novo formato, o audiovisual, cun documental, ‘A contraarmada’, que dirixe Simón Casal e que hoxe presenta na Filmoteca de Galicia (20.30 horas).

“Descubrín a historia da Contraarmada e vin que un autor coruñés era o principal investigador e ten un libro sobre isto, Luis Gorrochategui, que aparece no documental”, explica Casal, que engade que se centrou nesta historia “porque é algo que pasou aquí na cidade, que nos contan desde pequenos, a historia de María Pita, pero que non sabemos realmente como foi, é unha cousa que parece como unha lenda, pero non o é, é real e rematou cunha muller alzándose fronte aos ingleses”.

A partir de aí, Casal tece un relato que inclúe tamén a vertente política, os antecedentes da Armada Invencible e unha viaxe a Portugal, a Cascais e Lisboa, o mesmo lugar ao que acudiron os ingleses tras atacar Coruña. “Foi fascinante todo o proceso de investigación e de rodaxe”, afirma o cineasta, que indica que acudiron tamén a Plymouth, o lugar do que partiron os ingleses.

As voces tamén son importantes no documental. Ademais do propio Gorrochategui, participan do mesmo investigadores e persoeiros como José Ramón Soraluce, Elaine Murphy, Carmen Saavedra, Dolores Barral, Manuel Arenas ou Augusto Alves, entre outros.

Os lugares e as mulleres

Xunto a moitos deles, visítanse algúns lugares nos que aconteceron os actos durante o asedio dos ingleses, pero na actualidade. Destaca Casal a contraposición de ver hoxe en día a praia de Oza, onde desembarcaron parte das tropas, ou a plaza de Mina, onde remataba a muralla. “É interesante velo agora, porque o que había no medio antes era todo campo”, indica Casal.

“Por iso tamén é interesante o de poñer os mapas, para transmitir un pouco como era a cidade antes”, explica o director.

A cidadanía tivo un papel máis que importante na defensa, aínda que nos rexistros apenas quedara a figura de María Pita. “Fixo o que fixo, claro, pero parece que se colleu como unha representante de todas as mulleres que defenderon a cidade. Houbo máis, claro. Ela foi a que quedou nos rexistros, que é o que explica Dolores Barral no documental, que é quen quedou nos rexistros, que é co que se escribe a historia. Foi unha muller moi loitadora, reivindicativa, que incluso chegou a apelar ao rei”, aclara Casal. Pero lembra que nenos e anciáns tamén “subiron á muralla a defendela” dos ingleses durante o asedio.

Ingleses vs. cruceiristas

Pese á rigorosidade, Casal buscou tamén que o produto final fose ameno. Vése nun exemplo: mentres Arenas relata desde a escalinata de Santa Lucía como foi o desembarco, Casal intercala imaxes dun ‘asedio’ actual: os cruceiristas que recalan hoxe en día en grandes buques trasatlánticos.

Non podo recrear eses 200 barcos, así que miro o que vén hoxe en día, eses cruceiros cunha bandeira enorme do Reino Unido na fronte, que entran na cidade con milleiros de personas que quizáis non saben o que sucedeu aquí hai 500 anos”, apunta. “A idea é ter tamén un ton lixeiro, de humor por ocasións, e contrastar o desembarco daquela cos actuais”, engade. Ademais, rinde tributo a entidades como os Royal Green Jackets, “xente que traballa para que lembremos o que queda desa historia”.

Hoxe na Filmoteca estrénase a versión orixinal da cinta, en galego, con cinco minutos máis de metraxe que a versión que desde hai uns días se pode ver en RTVE Play.