CoruñART presenta as primeiras mesas profesionais centradas na literatura, a música e a ilustración

A dirección de CoruñART, a I Feira das Industrias Culturais e Creativas da Coruña, vén de presentar o primeiro avance da súa programación profesional, que incluirá catro mesas de debate centradas nos sectores literario, musical e gráfico. O anuncio supón o primeiro adianto da ampla programación que a feira ofrecerá tanto a profesionais como ao público xeral.
A profesionalización do oficio literario, o mercado musical en Galicia e o traballo no sector da ilustración serán os eixos principais destas primeiras citas, nas que participarán 12 profesionais de recoñecido prestixio.
“Profesionalizar a literatura: é posible vivir de escribir?”
A primeira das mesas confirmadas abordará a situación actual do sector literario, cunha pregunta central: é posible vivir da escrita en Galicia? Moderada polo escritor e xornalista Pablo Rañales (Premio Illa Nova 2023), contará coa participación das autoras Abril Camino, Premio Xerais 2025, e Antía Yáñez, Premio Raíña Lupa 2025. O encontro pretende ofrecer unha mirada realista sobre os retos da profesión, nun contexto no que a curta vida comercial dos libros e a escasa porcentaxe de ingresos para os autores son temas recorrentes.
“O mercado musical en Galicia: oportunidades para novas propostas artísticas”
O segundo debate centrarase no panorama musical galego e nas posibilidades de emerxencia para novas propostas. Participarán Patricia Hermida, presidenta de AGEM e CEO de DotBeat!; Josiño Carballo, director de Ernie Records; e Noel Turbulencias, divulgador musical e autor de Galicia MusiCalidade, que exercerá de moderador. A mesa afondará nas claves para atopar un oco nun mercado competitivo, así como na saúde e nos retos actuais da música en Galicia.
“Ilustrar un futuro profesional”
O ámbito das artes gráficas e da ilustración tamén terá o seu espazo destacado. Nesta mesa participarán os ilustradores Santy Gutiérrez e Irene Sanjuan, profesionais de traxectoria consolidada, acompañados por Miriam García, unha das voces emerxentes do sector. O encontro servirá para analizar a evolución e diversificación do oficio, así como os novos modelos de traballo e oportunidades profesionais.
“Autopublicación, coedición e editorial tradicional: atopar a fórmula perfecta para o meu manuscrito”
Dirixida a novos autores e autoras, esta mesa ofrecerá unha visión práctica sobre as distintas vías de publicación. Intervirán Laura Rodríguez, editora xefa de Hércules de Ediciones; Iago Fandiño, editor xefe de Calacán e escritor; e Rober Cagiao, autor con experiencia tanto na autopublicación como na edición tradicional.
Un adianto dun programa cheo de propostas
Estas catro primeiras mesas súmanse ao pregón inaugural de Lúa Mosquetera e constitúen un avance do que será un programa extenso e diverso, con novas actividades por anunciar nos vindeiros días. Os profesionais interesados xa poden adquirir a súa acreditación a través de Ataquilla, mentres que o público xeral poderá participar en actividades culturais abertas e visitar o Mercado Cultural, un espazo que reunirá empresas, entidades e artistas do sector, ofertando produtos e creacións ao longo da feira.
CoruñART pretende consolidarse como un punto de encontro de referencia para as industrias culturais e creativas galegas, promovendo o intercambio profesional e a visibilidade do talento local.











