Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

A Asociación da Prensa da Coruña abre a convocatoria do LXXXV Premio Pérez Lugín dedicado ao 150 aniversario da chegada do tren

O galardón conta cunha dotación de 3.000 euros, que aporta o Concello da Coruña

Un ferrocarril con destino Lugo, en 1906
Un ferrocarril con destino Lugo, en 1906
Colección de Postales del Archivo Municipal

A Asociación da Prensa da Coruña convoca a LXXXV edición do premio Pérez Lugín que nesta ocasión ten como lema: ‘Do tren a Lugo ao AVE: 150 anos de ferrocarril na Coruña’. O 10 de outubro de 1875 saíu da Coruña cara a Lugo o primeiro ferrocarril da historia da cidade. Os cronistas da época recolleron a noticia e desde entón os xornalistas informan das infraestruturas e as comunicacións ferroviarias de Galicia. A Asociación da Prensa da Coruña súmase a esta efeméride co LXXXV Premio Alejandro Pérez Lugín, que este ano leva como lema “Do tren a Lugo ao AVE: 150 anos de ferrocarril na Coruña’.

Con motivo desta importante efeméride queremos desde a Asociación da Prensa da Coruña sumarnos ás celebracións dedicándolle tamén noso premio anual Alejandro Pérez Lugín. Os interesados poderán enviar os seus escritos ata o vindeiro 30 de novembro. Trátase dunha convocatoria aberta, pero soamente poderán presentar un traballo, enmarcado en calquera xénero periodístico. Os traballos deberán ser inéditos e estar escritos indistintamente en galego ou castelán, cunha extensión máxima de 5.100 caracteres.

Presentación dos traballos

As obras deberán ser enviadas en papel por correo certificado e en soporte informático (formato Word ou PDF), á Asociación da Prensa da Coruña, en sobre pechado e ao seguinte enderezo C/ Durán Loriga, 10-4. 15003, A Coruña.

O sobre levará un seudónimo en galego, un lema e a indicación “Premio Pérez Lugín”. No interior irá un segundo sobre, có lema e o seudónimo do exterior, no que se incluirán os datos do autor (nome e apelidos, enderezo y teléfono de contacto) e un breve currículum.

Os traballos tamén poderán ser enviados por mail cun enderezo electrónico creado co seudónimo baixo o que se presenta o autor e co mesmo lema no asunto. O autor non debe identificarse de ningún modo ou o traballo quedará automaticamente eliminado.

O envío do mail non exime de remitir o sobre co traballo en papel cos correspondentes sobres que si identifican ao autor.

O premio para o traballo gañador será unha figura de Sargadelos, así como 3.000 euros. O acto de entrega ao galardoado será no no Concello da Coruña, entidade que a súa vez colabora na realización desta convocatoria.

Historial do Pérez Lugín

En 2025 o Premio Pérez Lugín acada a súa edición número 85. En 1936, a viúva do xenial escritor da Casa da Troya creou unha fundación co nome do seu marido, dotándoa dun capital, depositado no Banco Pastor, con cuxos intereses debería concederse o premio, segundo rezaba textualmente “ao mellor traballo literario que se presente sobre un tema de Galicia enxalzando a mesma”. Posteriormente, no 1941, creouse o premio e o gañador da primeira edición foi Eduardo Pérez Hervada. Desde entón obtivérono destacados xornalistas e escritores. A listaxe inclúe a Ezequiel Pérez Montes (1963), Emilio Quesada (1964) ou Ángel Padín (1999).

Nos últimos anos, os gañadores foron Rodri Suárez (2019), Suso Martínez (2020), Javier Quintana (en 2021, aínda que tamén o gañou en 2009), Xavier Lama (2022), Toni Silva (2023) e Ricardo F. Colmenero (2024). A primeira muller galardoada co Pérez Lugín foi Mercedes Modroño (1989), á que sucederon Cristina Amenedo (1995), Lola Roel (1996) e María del Rosario Martínez Martínez (2007).