Dolores Barral | “A historia da Coruña é María Pita, Drake, Moore... pero ninguén coñece as Bárbaras”
Profesora de historia da arte na USC, ingresará o próximo luns no Instituto Cornide cunha conferencia sobre o convento das Clarisas da Cidade Vella, un lugar moi especial pero que poucos lembran

Dolores Barral Rivadulla (A Coruña, 1967) entrará a formar parte o próximo luns do Instituto José Cornide. Experta no medievo na Coruña, o seu discurso de ingreso versará sobre o convento de Santa Bárbara, un lugar con máis de cinco séculos de historia que, nembargantes, segue sendo un gran descoñecido para gran parte dos coruñeses.
A súa proposta para dar a coñecer este tesouro sería compartir o pavillón que está á dereita da praza, que é unha zona de dormitorios, abrindo a parte de abaixo: “Poderiamos coñecer que fan as monxas e habilitalo como centro para pequenas conferencias”, di.
Vostede é experta na época medieval na Coruña. Por que elixiu esta especialidade?
Era un oco que quedaba por traballar. Aínda que había un libro que se publicou cando eu rematei a tese, no ano 90, e había pouco que se publicara o libro de González Garcés, no ano 88, faltaba un estudo global da cidade: a fortaleza, a muralla, as igrexas, os cemiterios... O meu director de tese animoume e empecei a redescubrir a Coruña medieval e coido que, a día de hoxe, segue a ser un estudo de referencia.
Que é o que máis lle chama a atención desa época na cidade?
A variedade, o heteroxénea que era a poboación. Era unha cidade moi dinámica, comercial, de artesáns, de xente que se dedicaba ao mar e moi pouco lastrada por presenzas nobiliarias ou eclesiásticas.
Que supón para vostede o ingreso no Instituto Cornide?
O recoñecemento na miña propia casa do meu traballo de investigación. Iso é todo un orgullo. E unha responsabilidade tamén.
Escolleu para ese discurso de ingreso un recuncho moi especial para os coruñeses, as Bárbaras...
Cando eu fixen a tese, tiven acceso a un arquivo que estaba totalmente inédito que é o das clarisas. O convento o tiña que tocar porque comezou no século XV, co cal collíame de pleno, pero xurdiu unha relación coa comunidade e, ao final, non quedei só coa parte medieval senón que fun, ao longo de catro anos, pasiño a pasiño, traballando e ordeando o seu arquivo, dende os pergameos ata os libros. E aí xurdiu a idea de contar a historia da comunidade.
E cal é, resumida, esa historia?
Antes eran terciarias franciscanas, unha orde moi similar, tamén de mulleres, eran regulares e vivían ao carón desa praza, que se constitúe no século XVIII, cando se crea esa parte de dormitorios. A praza é monumento en 1971 pero ninguén coñece o convento que hai detrás e unha serie de mulleres que hai cinco séculos que viven e que non forman parte da historia oficial da Coruña: que si María Pita, que si Drake, que si Moore, que si o porto... e esas mulleres son as que ninguén coñece. É verdade que o acceso ao arquivo deume un panorama de 500 anos de documentación inédita: de vida, de enfrontamentos cos Dominicos...
Enfrontamentos cos Dominicos?
Si, os Dominicos estaban fóra da cidade e cando o ataque da Contraarmada métense dentro e comezan problemas de veciños. Tiñan vistas sobre a parte de clausura e facían cousas para amedrentar as monxas. Elas eran moi loitadoras. No Arquivo de Galicia hai un montón de preitos delas reclamando as súas pertenzas.
Volveu entrar despois de trinta anos no convento. Que mudou?
Nada (ri). Bueno, melloras a nivel estrutural. Menos mal que agora venden doces. Antes facían traballo de lavandería e era moi escravo. Esta nova iniciativa dálles máis coñecemento, aínda que todavía é pouco, na cidade; a xente ten que coñecer que aí hai unha comunidade. E todo o demais está igual. Os libros estaban como os deixei, non entra unha avelaíña. Elas seguen co seu ritmo, os que cambiamos somos os de fóra.









