Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
A Coruña

Arturo Lezcano | "Non hai Galicia sen América e non hai América sen Galicia"

O escritor e xornalista publicará o vindeiro día 20 'O país invisible' (Libros del K.O.), un retrato da diáspora galega 

Arturo Lezcano con 'O país invisible'
Arturo Lezcano con 'O país invisible'
Javier Alborés
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

A emigración está presente en prácticamente todos os fogares do país. Mais a historia da mesma non está contada como tal, ou polo menos as historias dos anónimos que construiron país do outro lado do Atlántico non están recompiladas nun mesmo espazo.

Ese traballo levouno a cabo o xornalista e escritor galego Arturo Lezcano, que uniu a toda a diáspora galega de América en pouco máis de 600 páxinas. Faino en ‘O país invisible’ (Libros del K.O.), unha obra que verá a luz en galego o vindeiro día 20 e, unha semana despois, fará o propio en castelán. Nesa semana de diferencia, Lezcano percorrerá Galicia presentándoo, recalando en Ferrol o día 23 e na Coruña o 25.

Como xorde un proxecto coma este de querer recompilar e contar a diáspora galega? 

Eu empecei a viaxar a Latinoamérica hai 25 anos e despois empecei a ir cada ano e xa no 2004, coincidindo cunha investigación que fixen para un libro que saquei sobre Cheché Martín (‘Cheché Martín, fútbol sobre lenzo’), que é unha figura vencellada ao Deportivo, dixen: “Eu quero vivir aí”. Botei doce anos. E neses doce anos traballaba de correspondente freelance e, curiosamente, ademais de cubrir toda a actualidade, desde México á Patagonia, parte desa actualidade era a da colectividade galega. Os compañeiros de alí non entendían como podía estar en Buenos Aires e ter que marchar porque un galego estaba secuestrado no interior de Venezuela, e había que ir... Iso fíxome ver que, sumado a coñecer a tantos galegos, tantos centros galegos, tanta cousa... dixen: “Isto está sen contar”. Eu vía que os xudeus, os italianos, teñen contado todo das súas diásporas, os irlandeses tamén, pero nós non. Hai traballos marabillosos, de historiadores e demais, pero non tiñamos o relato dos anónimos que conforman ese país invisible.

É complicado resumir en 600 páxinas a historia da diáspora galega. 

Sí, pero teño unha vantaxe. Non é un libro de historia, é un libro de historias. Non podo facer, nin de broma, competencia aos historiadores, porque non é unha metodoloxía de historiador, son historias practicamente autoconclusivas, independentes, de xente case anónima. Entón, claro que custa recortar, é como cortar os dedos dunha man. Unha das teses do libro é que tanto dá de onde emigras, cando e a onde, que se repiten os patróns. O galego da Arxentina dos anos 20, o galego de Venezuela dos 50 ou os de Panamá dos 60 repiten os patróns de aforro, asociacionismo, traballo, integración na sociedade, retorno... é impresionante. Iso da a medida do que conforma un país, se queremos pensar nun país como un xeito de pensar. É difícil recurtar, pero faise (ri).

Os xudeus, os italianos, teñen contado todo das súas diásporas, os irlandeses tamén, pero nós non tiñamos o relato dos anónimos que conforman ese país invisible

A emigración ten un pouco de olvido pola nosa banda, pero como di no libro, cando pensamos nela tendemos a mirar cara a Arxentina ou Cuba, e ás veces esquecémonos dos emigrados a Uruguai, Panamá... 

Sí, sí. Dende logo, unha das cousas que valoro do libro é, precisamente, tentar dar luz, dende a humildade de que todos en Galicia temos un parente na emigración, temos unha historia. O que espero é que isto sexa unha achega, un fío do que tire a xente, ojalá haxa milleiros de libros e formatos para que o conten. O que valoro é que, por exemplo, dos galegos de Panamá apenas se sabe, xa non dos obreiros do Canal, senón despois, da xente que foi nos 50 e nos 60, e hai historias impresionantes. Pero o mesmo poderiamos dicir dos anónimos de México e, por suposto, de Salvador de Bahía, que é unha cidade hipergalega, ou dos galegos de Nueva York. Galicia interviu as Américas. Eu digo que non hai Galicia sen América e non me quedo curto se sigo que non hai América sen Galicia. Hai que tirar deses fíos, da xente que son os sen voz, os de abaixo, os que realmente forman os elos da historia dun país.

Na faixa do libro, Xoel López resume todo moi ben coa frase: “Nacida de la miseria y convertida en nuestro gran tesoro”. 

É así, sí. Sobre a miseria podemos matizar, porque hai unha cousa, como pasa agora coas diásporas, que os que emigran non son os que teñen menos de todo, porque hai que ter cartos para viaxar. O libro é sinxelo en canto a estruturas, son nove destinos de oito países, pero hai uns pequenos tres capítulos ao principio, unha especie de limiares, os dous primeiros sentimentais, un familiar e outro un pouco de todos nós, que é a fotografía de Manuel Ferrol e a historia que hai detrás, que tampouco se contou moito. E o terceiro é unha especie de resumo, de manual da diáspora galega, que se chama ‘Fillos do minifundio’. O que quero dicir, por quitarme do da misera e non contestar a Xoel, que é un irmán, é que os galegos migramos porque existe o minifundio. Esa dicotomía ao mesmo tempo facía que nos escravizara, porque era unha adscrición á terra para sobrevivir, con terras que ademais eran aforadas, había que pagar unha parte da colleita ao señor de turno. Pero, ao mesmo tempo, che permitía vender ese anaco de terra, ou alugalo ou o que sexa, para poder viaxar. Entón pode ser de miseria, pero pode ser que do minifundio saíse o noso gran tesouro, o gran tesouro intanxible, pero que atravesa a nosa historia. Non atopo, quitando quizáis a lingua, outro vector transversal tan importante para a historia de Galicia como a emigración.

Hai que tirar deses fíos, da xente que son os sen voz, os que forman os elos da historia dun país

Sei que é complicado, pero haberá algunha historia que descubrira que lle chamara a atención sobre o resto. 

A realidade dos galegos en América é tan rica e tan louca que podería ser cada unha desas historias unha película, unha serie, un libro en si mesmo... porque parece realismo máxico de verdade. Hai moitísimas historias, de la nada, que son simplemente vidas que en apariencia non son nada, pero que son grandiosas. A de Pepe La Muerte, que era un lugarteniente de Lucky Luciano, que pasou a vida pensando que o ían matar. Os que foron ao Amazonas, tanto ao brasileiro como ao peruano. E historias anónimas. Unha cousa que estou bastante feliz de traspasar ao libro é a historia dos galegos nas selvas venezolanas, que practicamente foron pioneiros abrindo poboados mineiros e aí siguen, e son galegos que teñen o seu negocio no máis profundo da selva. Ou, menos peliculeras, a historia da muller que ten unha funeraria especializada en repatriar cadáveres de moitos sitios, pero por suposto de galegos, e que explica moi ben a relación dos galegos coa morte e co retorno, aqueles que non puideron en vida, queren volver co cadalieto ou en cinzas. Hai moitísimas historias, para o libro falei ex profeso con case 200 personas. Cada historia é ouro. E non hai que ir á selva amazónica, a mellor historia moitas veces é a nai dese da selva, que está na aldea aquí ao lado.

Precisamente, daquí ao lado fala no libro, cando lembra a historia do Peñarol de Lañas (Arteixo) ou de que un dos goles do Maracanazo meteuno alguén con raíces en Meicende. 

Sobre o do Peñarol hai un estudo de Xabi Maceiras que é impresionante. Pero cando o pos en contexto nun libro máis grande, eso é o bonito, e dis: Como é posible? Washington Cataldi, o presidente do Peñarol, de Montevideo, estaba casado cunha de Arteixo e viña de vacacións e acaba xogando o Peñarol, que viña ao Teresa Herrera, co Peñarol de Lañas en Elviña. É impresionante (ri). Pero, co fútbol, imaxina... O único derbi galego fóra xogouse na diáspora, en Uruguai. O asociacionismo galego moitas veces se conformaba en torno ao fútbol. Está o Galicia de Bahía, fundamental; o Galicia de Caracas, aínda máis. E logo, cos campións do mundo de Uruguai, había tres ou catro galegos e Obdulio Varela, por parte, era galego, e o ‘Cotorra’ Míguez. Pepe, o compañeiro de Pelé, que está vivo, de Verín... e sigues, e sigues, e sigues. Un caso menos coñecido: Andrés Martínez, un uruguaio que xogou no Racing de Ferrol e logo en Osasuna. Ese tipo salía da Malata ao acabar o partido ou o adestramento e marchaba á aldea, en Bergantiños, á lareira co abuelo, non iba a Chevalier (ri). E dis, como é posible isto? Pois é posible porque isto é Galicia.

Hai un libro de Pablo Batalla que explica como os antagonismos resúmense en que Fraga e Fidel son dous vellos galegos, así que queimada e para adiante

Reflexiona tamén no libro sobre esa única mirada real cara a diáspora, que se fixo en clave política, con Fraga e Fidel xuntos. 

Dá outra medida máis do importante, de todos os persoeiros descendentes de galegos. Noutras nacionalidades, cando es fillo ou neto, xa perdes un pouquiño a pertenza. Pero con Galicia, xúroche que coñecín bisnetos dicindo: “Soy gallego”. Eso non se perde. A historia de Fidel e de Fraga é un espello de dúas caras, podería ser ao revés e que Fraga quedase en Cuba... Ese é un momento chave, as dúas viaxes do 91 e 92, primeiro Fraga a Cuba e logo Fidel a Galicia. É chave para a diáspora porque abre unha segunda fase na ollada á emigración, que era unha palabra prohibida tacitamente, non gustaba, tiñamos, por dicilo así, aos avós agochados no armario. Cambiou tamén en chave política, porque Fraga decidiu facer política de Estado en termos de emigración. Cambiou a ollada, pasamos a branquexar a emigración, empezou esa cousa romántica, os triunfadores, os programas da tele... que está moi ben, pero de repente romantizábase algo que nos atravesa e que non é precisamente algo digno de admirar. Aquí sempre saco a marabillosa frase de Camba: “La emigración es un bien y en eso está lo malo”. Resume todo. Hai un libro de Pablo Batalla que explica como os antagonismos, ao final, resúmense en que Fraga e Fidel son dous vellos galegos, un en Cuba e outro en Galicia, pero dous vellos galegos, así que queimada e para adiante... (ri).

Haberá outro libro para a diáspora europea? 

(Ri). Primeiro un descanso, que hai que choiar tamén, que desto non se vive (ri). Pero eu creo que si.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620