Paula Cons | "Tiña claro que, si ela aceptaba, Lucía Veiga era Emilia Pardo Bazán"
A cineasta estrea hoxe 'Mi ilustrísimo amigo', unha cinta que narra a relación entre a escritora coruñesa e Benito Pérez Galdós

A relación entre dous dos grandes literatos da España de finais do XIX e principios do século XX ten moito de novela. Pero hoxe da o salto á pantalla, en concreto á do cine, coa cinta 'Mi ilustrísimo amigo', que narra a relación entre Emilia Pardo Bazán (encarnada por Lucía Veiga) e Benito Pérez Galdós (por Paco Déniz), dúas personalidades tan diferentes como complementarias.
A coruñesa Paula Cons é a encargada de dirixir esta cinta, que hoxe chega a Cantones Cines, onde mañá repite, desta volta cun coloquio protagonizado por ela mesma (20.00 horas).
Cómo nace a idea de levar a relación de Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós á pantalla?
A peli, aínda que pola miña traxectoria como que me pega moito, estaba supercómoda co proxecto, é de encarga. A película nace de Javier Pascual, que era guionista de 'El Ministerio del Tiempo'. Enterouse desta historia e dixo: "Buff, esto ben merece unha peli". Tamén a publicación dos libros de cartas, en concreto 'Miquiño mío', editado por Isabel Parreño, como que fixo que moitas mentes pensasen que aquí había unha película. Aí me contactaron, pensaron que me cuadraba a película. Aí empecei a namorarme da historia e a facela miña.
Coñecía a relación entre ambos de antes?
Sí, sí que a coñecía. Pero nada que ver a cando empezas a bucear e alucinas, alucinas. Desde o ton subidito, o erotismo que hai, a humanidade... tamén les as cartas e son unha novela en si mesma. E cando empezas a profundizar, namoraste tanto da relación como deles dous.
Eran dúas personalidades completamente diferentes. Doña Emilia era máis "abrumadora" como ben a describe Lucía Veiga e Pérez Galdós era máis tímido, coma quen di.
Sí, aquí lle chaman 'zorro canario' (rí) que me fai moita gracia. Que é xogar... bueno, perfil baixo, discreto, pero despois estaba observando todo o tempo e facendo a xogada. O que pasa é que iso xogueino moitos cos actores, digamos que estaban como sintonizados, pero tocando en diferentes notas, porque a min parecíame interesante e porque creo que o cine é contraste. Eu creo que é interesantísimo velos aos dous interactuar e a relación entre eles eu creo que é superentretida.
Tivo claro en todo momento que Veiga e Déniz tiñan que ser os protagonistas?
Mira, Paco Déniz, que fai de Pérez Galdós, era xa proposta do produtor. A verdade é que me pareceu de marabailla en canto empecei a ver o material. E Lucía Veiga foi proposta miña e nin casting nin nada. Eu tíñao clarísimo, si ela aceptaba, eu tiña claro que Emilia Pardo Bazán era ela.
Teñen personalidades similares?
Podía non tela, podía non tela. E hai moitas cousas que non, pero a vía totalmente capaz de encarnala e tiña unha enerxía que eu sabía que ía cuadrar. E, despois, claro, é que Lucía é unha actriz descomunal. Entón fíxomo todo facilísimo e así brilla ela como brilla na peli.
Para quen vaia esta fin de semana ao cine, qué pode agardar de 'Mi ilustrísimo amigo'?
Mira, primeiro de todo, que vaian xa, que o cine está moi complicado e nunca se sabe se vamos a poder estar ou aguantar máis dunha semana. E si aguantáramos máis dunha semana é porque a xente acudiu e porque funcionou o boca orella. Entón, esta película está moi encomendada aos espectadores. E o que van atopar é algo súperdiferente oa que agardarían ao mellor, porque é unha peli moi cinematográfica, nada rancia, nada televisiva, orixinal, nada clasicona, intenta ser moderna. E o que a xente nos transmite é que é moi contemporánea, entretida e moi bonita.
O ton subidito, o erotismo, a humanidade... as cartas son unha novela en si mesma
E, ademais, antes de chegar á pantalla xa acadou premios.
Aí estamos supercontentos, a verdade, de cómo está sendo querida. Foi premiada en festivais internacionais de cine feminino. En Montreal, Toronto, Miami, Berlín... o bonito é que parece que festival ao que vai, festival no que recibe premio (sorrí). Vai ao festival de Madrid, pois lle dan o premio do público e a mención especial do xurado; vai a Ourense, mellor actriz... Entón, estamos moi contentos, notamos que gusta moito á xente.


