Nieves Brisaboa | “Un analista informático debe ter cualidades que asociamos máis ás mulleres”

Esta semana a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñeceu a cinco investigadores, tres deles da UDC, coas súas Medallas de Investigación. Unha das galardonadas na cidade é Nieves Brisaboa, investigadora da Facultade de Informática que xa recibiu en 2019 o Premio Nacional de Informática da SCIE-BBVA, quen foi a recoñecida coa medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, pola súa carreira no procesamento de datos.
En que momento está o sector?
Nestes intres está experimentando, como toda a informática, un desenvolvemento brutal. A IA, que está en boca de todos, é posible porque existe unha gran cantidade de datos que sirven para os seus sistemas. Co cal, se sempre as bases de datos foron os piares dos sistemas de información, agora aínda máis porque son a materia prima imprescindible para entrenar os sistemas. O ChatGPT, por poñer un exemplo, non sería posible se non houbese a brutalmente grande cantidade de textos dispoñibles en múltiples idiomas na web. Coller eses datos e ser capaces de representalos dun modo que poida ser procesado de forma eficiente é clave, e nese sentido a área de investigación na que desenvolvín a miña carreira, as estructuras de datos, é fundamental porque garantizan un acceso eficiente ás bases de datos.
Que investiga na actualidade?
No Laboratorio de Bases de Datos, que está dentro do Citic, o meu grupo está especializado en dúas liñas: as estructuras de datos compactas e a inxeniería de software. De nada vale facer unha estructura compacta se logo non hai un software que poidan utilizar as persoas para explotar. E dentro desa inxeniería de software estamos especializados nos sistemas de información xeográfica. Esta medalla non a tería conseguido sen o laboratorio: sen eles non tería logrado o que logrei.
É a primeira vez que unha muller recibe este galardón da RAGC
Como feminista de toda a vida, é un orgullo ter conseguido abrir o campo das tecnoloxías ás mulleres. A informática é un sector terriblemente masculinizado: é absurdo que haxa tan poucas nenas matriculándose nos primeiros cursos da facultade cando é un sector con tanto impacto social e ademais con tanto emprego. Servir como exemplo de que este é un campo no que as mulleres temos cousas que dicir é algo moi importante.
Hai agora máis mulleres que antes no sector?
Pois resulta que desgraciadamente non: hai menos. Cando eu estudei víase como unha especie de carreira empresarial, e na miña aula había igual un 30% de mulleres. Agora non chega ao 15%. Quizais porque hai unha imaxe moi estereotipada do informático coma un tipo friki, e a profesión está condicionada por iso, a pesar de que, en realidade, un bo analista informático debe ter unhas cualidades que asociamos máis ás mulleres: minuciosidade, interés polo traballo en equipo, preocupación polos problemas dos outros e o ámbito social... Eu non creo moito nos estereotipos de homes e mulleres, pero se fosen certos, precisamente as cualidades que require a informática son as que relacionamos co feminino.











