ELECTRICIDADE, INCERTEZA E INDEFENSIÓN

Amodificación do sistema de prezos da electricidade, que pode mudar segundo a hora na que se fai o consumo, implicará que o consumidor/ra poda ter 1.500 tarifas distintas durante o bimestre, sen que coñeza previamente canto vai pagar. É unha merca a cegas. En poucas palabras, a reforma deixa as familias máis indefensas que na actualidade diante destes oligopolios que xa agora fan o que queren. Lembremos que a electricidade aumentou un 70% nos últimos seis anos, en plena crise, agravando as consecuencias do medre do desemprego, a rebaixa de salarios e prestacións públicas, e o aumento dos impostos sobre o consumo. A modificación que propón o Goberno, coa escusa de que implicará un aforro, resulta difícil de aceptar, e semella  máis a procura dunha nova vía opaca para satisfacer as eléctricas, que conseguir unha rebaixa real do prezo da electricidade, e facer lexíbel o recibo ao consumidor/ra.
O prezo da enerxía eléctrica é un problema que no caso de Galiza é dobremente grave, xa que ademais somos un país excedentario na produción sen ter por iso ningún beneficio real e si todos os custes ambientais extras. Asemade, cómpre ter en consideración que o transporte implica, ademais dos custes da rede e da súa conservación, a  perda de potencia enerxética, polo que, a igualdade de prezos en todo o Estado español significa unha subvención que é máis grande canto maior é a distancia entre as plantas produtoras e o lugar de consumo.
Nas sociedades actuais, a enerxía é fundamental para a produción, mais tamén para garantir unhas condicións de vida acordes co grao de desenvolvemento deste intre histórico. As empresas eléctricas forman un oligopolio que non só lles garante amplos lucros senón capacidade para secuestrar os consumidores que carecen de alternativas reais, para alén da artificiosa propaganda da competencia entre as varias fornecedoras de electricidade (outro tanto se pode dicir do gas). Un sector tan estratéxico coma este non pode estar sometido aos criterios de lucro, á especulación e á cobiza individual. É necesario e lóxico que sexa nacionalizado, para rematar dunha vez con todas con tanta incerteza e indefensión.

ELECTRICIDADE, INCERTEZA E INDEFENSIÓN

Te puede interesar