Pasarse de rosca

Mentres o Banco de España (BE) cuestiona as cifras oficiais e resta folgos ao esaxerado optimismo de Rajoy na súa intervención no Congreso, o ano pasado as eléctricas gañaron 6 mil millóns de euros e os cinco grandes bancos 7.674 millóns. Nese mesmo ano, segundo o BE, os salarios baixaron pouco máis do 2% e non o 1% como aseguraron as estatísticas oficiais. Unha corrección que deixa latente a dúbida se non se dará este erro, casualmente favorábel ás teses do Partido Popular, noutras valoracións estatísticas, como as de desemprego, ou as que se realizan encol das condicións de vida da poboación.
Darei un exemplo de datos que resulta difícil tomar en serio, xa que son contraditorios co que calquera pode ollar na vida cotiá. Non é críbel que a porcentaxe de fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes medrase na Galiza coa crise. Concretamente, segundo o IGE, eran o 33,99% no ano 2007 e o 43,73% no ano 2012. Ou sexa, que segundo as estatísticas oficiais, o duro axuste neoliberal foi beneficioso para as familias galegas.
Existe unha franxa da sociedade para a cal a crise, despois de aguantar o primeiro golpe, estalle a resultar moi beneficiosa. Foi así porque eliminou competidores, quedándose co seu mercado, e abaratou o custe do factor traballo, polo que está a obter máis lucros que nunca e as expectativas son aínda máis optimistas. Porén estes empresarios que agora sacan peito, e dan receitas neoliberais, recibiron substanciosas axudas directas ou indirectas (exencións fiscais, rebaixa de cotas, etc.) que saíron do peto do conxunto da sociedade.
Todo fai pensar que o Presidente só ten ollos para o mundo dos donos da economía e do poder, que lle piden que se manteña firme nos axustes, xa que consideran a oposición social carente de forza abondo para mudar a situación, por máis que proteste na rúa. Por iso, a chamada de atención do BE, que tantas veces alentou a precarización laboral, semella máis un sinal de preocupación por que unha queda tan forte dos salarios afecte as vendas, e polo tanto aos ingresos fiscais, e ao crecemento do PIB, e tamén á taxa de lucro dos capitalistas.

Pasarse de rosca

Te puede interesar