Madrid absorbe como un burato negro parte do potencial de crecemento de Galicia. É difícil explicar isto sen caer nunha certa tendencia a converter o discurso nun dogma. Mais é unha realidade que frea moito o crecemento de Galicia e a capacidade de xerar sinerxías de crecemento. A rexión da capital do reino de España non ten potencia económica propia; non xera enerxía, non ten mar, non transforma, case non ten agricultura pero embárgantes acumula o 31,8% de empresas do Estado e o 13,8 % do PIB relacionado coas exportacións, ten moito mérito se temos en conta que é un páramo que non ten capacidade de produción ningunha.
Galicia sofre esta rémora en moitas das nosas principais empresas produtivas e tamén de servizos, sufrindo unha trampa mortal nas posibilidades de crecemento e de asentamento empresarial e sobre todo sufrindo os recortes e perda de servizos públicos aplicados dende a Xunta para cadrar as cifras.
Un exemplo e o que sucede con Alcoa, multinacional americana que no seu día recibe o agasallo de Aznar para mercar a fábricas públicas de Alumina Aluminio presentes en San Ciprián e Coruña. Supón o 30% do PIB da Provincia de Lugo pero que ten o domicilio fiscal en Madrid. Outro exemplo moi significativo é o dos coches de renting e de flota empresarial, todos pagan a matriculación e o imposto nun pequeno concello madrileño, que se beneficia de todas as empresas de España.
Segundo datos do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, no ano 2010, 170 empresas galegas mudaron o domicilio fiscal a Madrid movidas pola menor presión fiscal. Menos mal que ninguén declarou a independencia, logo falan da fuga de Catalunya. Madrid é xa que logo unha sorte de paraíso fiscal para as empresas galegas e un burato negro por onde se perde a calidade de vida e a capacidade de inversión do noso País. Ollo agora tamén empeza a atraer competencias.
Moitos de estes cambios non son reais, polo tanto existen mecanismos para denunciar este fraude, pero claro ós políticos dependentes da metrópole: xa sexa Génova, Ferraz, A Complutense ou a Rúa Alcalá non lles interesa que a capital imperial sufra en detrimento dos que somos de outra zona. Ó final Madrid concentra moito voto.
Galicia precisa xa que logo políticos que non miren a Madrid e sexan capaces de reclamar o noso, non por teimas de independencia, simplemente para que os galegos e galegas vivan o mellor posible co que somos quen de xerar, e depós se sobra axudar ó resto.