DO DÉFICIT A REGALAR OS CARTOS MANTENDO O AXUSTE

OBCE puxo a disposición da banca privada da eurozona 400 mil millóns de euros a un custe do 0,15%, seica coa finalidade de que estes cartos cheguen ás pequenas empresas e familias, a fin de incentivar a actividade económica e o consumo. Dise que ademais debilitará o euro diante doutras moedas favorecendo as exportacións.Todo moi lóxico e aparentemente positivo. Mais non está tan claro que a decisión do Banco Central Europeo cumpra estas expectativas. Primeiro, porque ningunha empresa expande a actividade económica se non aumenta previamente o consumo ou ten máis pedidos do exterior, algo difícil cun crecemento revisado á baixa. Segundo, porque ningún banco vai emprestar a familias e empresas sen ter a total seguridade de que recuperará o crédito, e as taxas de morosidade seguen máis altas que nunca.
Agora ben, non todo é negativo, porque os bancos conseguen así diñeiro máis barato, polo que poden reducir as taxas de xuros aos pequenos aforristas; e malia os mecanismos para evitar que este diñeiro non vaia parar á especulación e fique improdutivo, esta fracción do capitalismo dominante amosou que é quen de ter a inventiva necesaria para canear todos os controis. Todo fai pensar que esta medida, como tantas outras do BCE, está ao servizo exclusivo dos grandes bancos, para dotalos de liquidez e seguir transferindo ao pobo os custes dos seus malos investimentos e préstamos falidos.
Tamén cómpre facer unha reflexión sobre a decisión do Goberno español de devolver anticipadamente 1.300 millóns de euros do préstamo do BCE para reflotar o sistema financeiro, como se non houbese prioridades urxentes nas que utilizar estes cartos. Concretamente: aumentar a cobertura dos desempregados e das persoas dependentes, mellorar a prestación pública na sanidade e no ensino, e tantos outros temas sociais. Mais, o Goberno de Rajoy preferiu adiantarse e devolver estes cartos para amosar a fortaleza do Estado español, aínda que un 30% da poboación estea por debaixo do limiar da pobreza e un 70% teña dificultades para chegar a final de mes. En fin, o importante son as Bolsas e os investidores, o resto somos extras nesta película

DO DÉFICIT A REGALAR OS CARTOS MANTENDO O AXUSTE

Te puede interesar