UCRAÍNA, UN ANTES E UN DESPOIS

Oenfrontamento entre as potencias atlantistas e Rusia polo control de Ucraína, amosa que a loita pola hexemonía non se limita á competitividade na economía, senón que se alarga ao eido da confrontación política, militar e tamén da información. Non ficamos diante dun enfrontamento entre dous modelos de sociedade; ambas as partes defenden o capitalismo neoliberal. O que está en disputa é se as potencias hexemónicas (EEUU e máis os seus aliados, entre os cales a UE) aceptan a existencia dun mundo multipolar. Por iso resulta cínico acusar a Rusia de invadir Crimea, cando o mesmo teñen feito as potencias dominantes dende Granada ate Afganistán, Libia ou Costa de Marfil. Tampouco se pode ignorar que EEUU ten 200 bases militares no exterior e que cada vez estreita máis o seu cerco sobre Rusia e China.
O preocupante é que falamos dunha confrontación directa entre potencias con armamento nuclear, co risco que isto implica. Imos entrando na guerra fría, unha estratexia que só é entendíbel porque o capitalismo non ten outro xeito de se desenvolver se non é con métodos imperialistas, e ademais, a confrontación relega as reivindicacións de clase e das nacións dependentes. Por detrás de cada potencia, das vellas e das novas. están os intereses das súas clases dominantes, que se manifestan a través das grandes empresas e das Bolsas de valores.
A protesta en Kiev naceu da incapacidade do Yanukovich para dar resposta aos problemas do país, algo que tampouco conseguiron os opositores en gobernos anteriores. Tanto uns coma outros son magnates enriquecidos dun xeito sospeitoso. O conflito debeuse resolver con eleccións anticipadas e consenso, e non botándolle gasolina. Mais semella que Bruxelas e Washington, que apoian a oposición, non confiaban moito nos resultados e optaron por un Golpe de Estado, pasándose polo arco do triunfo o acordo entre as partes, garantido por Francia, Polonia, Alemaña e Rusia. E esta ruptura das regras de xogo marca un antes e un despois. Ficamos diante dunha situación cada vez máis incerta e perigosa.

UCRAÍNA, UN ANTES E UN DESPOIS

Te puede interesar