UN LUXO

“Ai, a rapaza fala claro, di verdades como puños, non cala nadiña...”, escoitabamos dicir a dúas señoras xa sesentonas á saída do teatro Jofre, tralo concerto de Sés do pasado domingo. 
E abofé que non lles faltaba razón. Eu, sen me parar nada a pensar, anotaría frases como “Verjonza tiña que darlles, a eles”, referíndose ós maltratadores, “Ser muller e ser galega, iso si que é sorte” e outras moitas. Porque todo o seu espléndido espectáculo é unha excelente reivindicación da liberdade e da igualdade. 
Pódese xerar e mostrar un todo harmónico conxuntando tradicións nosas e alleas, ritmos propios e foráneos, de tódalas latitudes, poder ver o mundo todo desde nós mesmos, sen gafas emprestadas... Iso e máis é o que nos ofrece Sés. 
Esteticamente lembroume a mulleres rompedoras como Marianne Faithfull ou Suzy Quatro, o que, para min, creo que non é pouco. Coñezo a Sés desde hai unha ducia de anos, cando foi boa alumna miña na Faculdade de Filoloxía e téñoa visto actuar, mesmo en petit comité. Saín impresionado. Grande bico, miña amiga. 

UN LUXO

Te puede interesar