VIAXE AOS PLANETAS ANANOS

Para alén da utilidade científica no campo do coñecemento astronómico, cabe reflexionar se os siderais recursos que consumen os programas espaciais están racionalizados a respecto de obxectivos cada vez máis cobizosos nos que o financiamento vai parello ao límite do cosmos que se procura explorar. Máis aínda, nun mundo no que a pobreza e a fame afecta á metade da poboación. Certo é que, de existir responsabilidade social dándolle prioridade ás necesidades máis básicas do ser humano no gasto público, chegaría con eliminar boa parte do orzamento destinado á partida militar. Decisión que salvaría dobremente vidas: a das persoas que morren por non ter alimento e as que perden a vida vítimas de conflitos e guerras que outros fomentan para manter negocio e lucro da industria do armamento. 
Por iso, diante da contradición agochada neste proceder, faise necesario crear unha grande expectación á hora de presentar os novos fitos na conquista dese espazo exterior ao ámbito planetario. Propaganda calculada para gañar, na opinión pública, a percepción e complicidade con operacións tecnolóxicas que venden logros científicos moito máis aló do realmente acadado. Base, tamén, para manter presión sobre os gobernos para que os diferentes programas en curso teñan continuidade asegurada. É, así, como debe entenderse o balbordo xornalístico creado ao redor da sonda espacial Novos Horizontes que está a orbitar o confín do sistema solar.  Búscase producir un efecto de impacto semellante ao fervor que representou aquel momento especial da primeira pisada na Lúa, fosen o non reais as imaxe emitidas que ese é outro cantar pendente de aclarar de vez. Mesmo situar a importancia na dimensión da pioneira viaxe estelar de Gagarín, con cincuenta anos de historia tras de si. 
Sen restar mérito a importancia desta misión para o estudio de Plutón e semellantes elementos sólidos situados niso que agora se coñece polo Cinto de Kuiper, o asunto ten o seu aquel de curiosa metáfora. Cando partiu, vai para dez anos, ía cara o noveno dos planetas solares. Meteron dentro da nave parte da cinsa mortal do seu descubridor a xeito de honra funeraria. Porén, co aparello en marcha, a Internacional dos astrónomos decidiu mandalo á segunda división dos corpos planetarios cualificada de “ananos”, como se dunha minusvalía se tratase. Cousas que producen tenrura á par do avance na exploración do espazo exterior. A fame no mundo segue a velas vir.

VIAXE AOS PLANETAS ANANOS

Te puede interesar