VENTO EN POPA

Oproduto interior bruto, PIB, aínda resultando cada vez máis desatinado á hora de avaliar o desenvolvemento dun país, é unha especie de artefacto máxico que informa sobre a bondade da economía e, por lóxica irracional, do benestar social. Monumental erro. Facendo acto de fe sobre o correcto cálculo das súas magnitudes, non debemos esquecer que ofrece datos globais e medios, sen entrar no reparto fino. Por esa razón, poñamos por exemplo, falar da renda media non di que unha cativa porcentaxe do 10% da poboación atesoura un terzo da riqueza total; e, a senso contrario, o 30% desa mesma poboación está por debaixo do limiar de pobreza a respecto da renda dispoñible.  
Por iso no mundo socialmente avanzado están a utilizarse outros indicadores de cálculo para coñecer e informar, xunta ao nivel de renda, do benestar humano e outros factores non económicos: gozar dunha vinda longa con acceso á saúde, á educación e ao coñecemento; dispoñer de tempo para o lecer e a conciliación de vida persoal coa familiar e laboral, participar na toma de decisións comunitarias, manter relacións sociais satisfactorias, contar con liberdade política e cultural; e ter acceso ao un traballo e unha vivenda dignos.  
Porén, é moito pedir para este goberno “austericida”. Non pasa do devandito índice, no que ten investido a totalidade do orzamento propagandístico na súa aposta por unha estratexia de comunicación electoral: A suposta recuperación económica e do emprego, medida polo crecemento do PIB nominal, na súa previsión para o actual e o vindeiro ano. Cálculo teórico, toda vez que é un futurible que non pasa da bondade á hora de botar números. Para que o asunto resulte máis crible velaí está a man amiga de certas institucións, chámense instituto de estudos de tal o cal banco, servizo de análise desta ou daquela entidade ou tirar directamente do entorno controlado: Banco de España, Ministerio de Economía, INE.
Certamente, o mundo globalizado está axudando coas súas decisións: Rebaixa na factura enerxética co baril de petróleo barato por interese político, a caída na cotización do euro á respecto do dólar, froito da política monetaria europea. Vento en popa que vén de fóra. Mágoa do rumbo que leva a embarcación.

VENTO EN POPA

Te puede interesar