A última rolda

Na inédita situación política que se vive no Estado español, sen goberno titular logo das eleccións do pasado mes de decembro, toca unha formal e protocolaria rolda de contactos, do Rei cos portavoces dos diferentes grupos políticos representados no Congreso. É a final das oportunidades para facilitar un proceso de investidura parlamentaria dunha presidencia por votación. A norma legal ten marcado o día dous do próximo mes de maio como data de convocatoria automática de nova cita electoral que levaría ás urnas o 26 de xuño.
Á hora de reflexionar sobre o percorrido seguido nestes catro meses pasados, desde o encontro electoral do 20 de decembro, as cousas non semellan pintar moi a favor de acordo que posibilite unha saída sen a repetición do proceso electoral. Aínda así, toca á lóxica do sentidiño común agardar algún acordo “in extremis” que faga posíbel unha saída á pouco desexábel nova convocatoria electoral que, ademais, moi probabelmente repita o escenario do actual mapa parlamentario; iso si, cos axustes propios do esgotamento que a dinámica actual está a producir sobre un corpo electoral canso de tanta chamada ás urnas. Un acordo de última hora, de chegar a producirse, non é garante de estabilidade no período de mandato e iso semella introducir unha dificultade engadida polo que cada día que pasa a repetición cobra máis forza. O tratamento público que se deriva das dificultades á hora de artellar un acordo en base o actual reparto de representatividade, conclúe nun xeito de aviso de casino: Non vai máis, vémonos nas urnas.
No entanto da impase institucional, aumenta o número de casos relacionados coas condutas e delitos de corrupción, co seu natural efecto de indignación e rexeite na opinión cidadá chamada a decidir, co seu voto, a composición parlamentaria que deberá elixir futuro goberno. Situación de corrupción, como imaxe que mesmo é considerada o primeiro dos problemas no Estado español en materia de incumprimento dos Dereitos Humanos no informe que vén de facerse público polo Departamento de Estado americano, agravado pola impresión de “impunidade” que observa a respecto do castigo aos responsábeis. Este asunto vai por diante de outras graves cuestións, tal é o caso da devolución en quente de inmigrantes a Marrocos ou a violencia machista. 
Última rolda, pois, que no diálogo do ocorrente Carrabouxo da viñeta xornalística sentencia así: “Empeza outra rolda; e nós xa temos unha trompa quinindiós”. Atentos á xogada. 

A última rolda

Te puede interesar