TRAGO AMARGO DE LEITE

O  abusivo e intolerable proceder das empresas leiteiras impoñendo, á xente da gandería galega, sistemas de recollida en base a contratos con prezos moi inferiores á media estatal é, polo que leva de ameaza chantaxista, un comportamento que entra de cheo no delito social, por máis que esta figura non exista no Código Penal. Para alén diso, os responsables da administración semellan mirar para outro lado, deixando ao pairo ás vítimas deste sector que chaman á mobilización e piden solidariedade cidadá. 
Indefensión absoluta das persoas que producen, fronte ao dominio dos oligopolios, de recollida e comercialización, que operan ao servizo do interese das cadeas de distribución alimentar, os verdadeiros amos do negocio. 
Practica e proceder mercantil que ten sido obxecto de sanción pola entidade fiscalizadora da limpa competencia, sen que teña producido efecto algún, por ver comprobado o pacto da industria á hora de fixar eses desalmados prezos baixos. Tan baixos que non cobren os custos de explotación e levan á ruína ás pouco máis de dez mil explotacións gandeiras que quedan en activo neste noso País, noutrora territorio emblemático no subministro de leite da máxima calidade. Ata que lles impuxeron cotas e atrancos. Si, as cotas á produción que estableceu a UE; e con elas, forzando a endebedarse aos granxeiros. Agora, coa nova política agraria común, a través do chamado “paquete lácteo” desaparecen, alterando gravemente o equilibro acadado na economía das explotacións. Consecuencia diso é o resultado, informado polo Fondo Español de Garantía Agraria, que pon de manifesto o descenso da produción galega en troque do aumento que experimenta noutros territorios da xeografía española. Situación e problemática que non só afecta á xente do campo. Non. 
É un asunto que atinxe a toda a cidadanía consciente e responsable, sabendo que na cadea de relación existente a desaparición dun sector fundamental da economía agraria galega é a sentenza de morte para todo o mundo rural. 
Parte fundamental da nosa sociedade, e tamén da economía relacionada que trasladaría ás vilas e cidades ás consecuencias dunha situación que aínda estamos a tempo, entre todas e todos, de evitar. Toca responsabilidade, presión e mobilización para lograr unha intervención política que garanta prezos xustos, recollida asegurada e apoio á xente da gandería galega que está a soportar un amargo trago de leite. Resposta, na rúa e no supermercado.

TRAGO AMARGO DE LEITE

Te puede interesar