A tentación de Montoro

Superado o período de negociación forzosa que permitiu a Rajoy recuncar na Presidencia do Goberno, tanto el mesmo como todos e cada un dos que operaran como voceiros del non fan intervención pública na que non inclúan a expresión diálogo. Dime de que presumes e direiche eu do que careces. Nunca máis atinado a expresión do refraneiro popular se consideramos as primeiras probas de lume coas comparecencias en territorio institucional. Sexa na resposta aos portavoces dos grupos alternativos no Congreso dos Deputados ou Senado; sexa nos encontros formais cos axentes económicos e sociais, pura pose para os medios de prensa. A mensaxe é repetitiva: As políticas económicas e laborais dos pasado mandato, non se tocan.
Velaí o caso da xuntanza celebrada cos sindicatos xunto á representación da patronal, na que se amosou a existencia de liñas vermellas en relación ao cumprimento do obxectivo de déficit, da estabilidade orzamentaria e outras medidas ditadas polo executivo da Unión Europea; unha forma cómoda de botar balóns fóra da súa propia responsabilidade á hora de impoñer medidas impopulares. Iso si, na formalidade ningún problema para crear mesas de diálogo a respecto de proposta sobre o incremento do Salario Mínimo Interprofesional, creación de emprego ou sobre o futuro do sistema público de pensións. Na realidade, asuntos nos que o partido do goberno necesita complicidade das outras partes para evitar o desgaste da súa exclusiva decisión. Sobre a petición de derrogar as leis que conforman a reforma laboral de 2012, nin oír falar do asunto. Nisto, máis do mesmo; o tema que non vai ser obxecto do diálogo social.
Para alén diso, o ministro Montoro, anuncia a redución de 5000 millóns no gasto previsto para os orzamentos do próximo ano, aínda que no comezo do exercicio sexa necesario actuar coa prórroga dos anteriores. Para cumprir, pola vía dos ingresos ordinarios non vai chegar coa pequena modificación de impostos que poda tolerar a oposición, en tabaco, alcohol e outras migallas; tampouco, coa rebaixa dos xuros da débeda pública ou aforro na liquidación actual.
A tentación dos responsables políticos, da Facenda e da Economía, ten a ollada enfocada ao negocio da venta do patrimonio estatal que permita facer caixa rápido. Axiña, activos empresariais de titularidade pública van mudar de propietario en Bankia, unha vez devore á Banca Mare Nostrum; Aena, e aposto que tamén na empresa das Loterías, Selae . Non lles queda outra vía.

A tentación de Montoro

Te puede interesar