O TEITO DE CRISTAL

Celebramos o Día Internacional das Mulleres. Mala conciencia. Todos os días do ano deberían ser iso e o 8 de marzo tamén. Entre outras moitas razóns para recordar que esta efeméride, que se torna en repetitivo berro reivindicativo, foi acordada en 1910 por unanimidade das activistas reunidas na Conferencia de Mulleres de Copenhague, a proposta de Clara Zetkin, precursora do movemento feminista que abandeirou a batalla a prol da igualdade nos dereitos de homes e mulleres, naquel tempo histórico mesmo impedidas de exercer o dereito a voto.
Momento de tensión sobre o papel das mulleres nas reivindicacións sociais, sindicais e políticas que foron abrindo camiño desde o 11 de marzo 1911, no que principiou modestamente en parte de Europa a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora para centrarse na esixencia do dereito ao voto, o acceso das mulleres aos cargos públicos, á formación profesional e poñer fina a discriminación laboral por elas soportada.  
Na traxectoria desta data reivindicativa, unha traxedia laboral acaecida poucos días máis tarde da primeira conmemoración, concretamente o 25 de marzo de 1911, suceso no que morreron 140 mulleres nunha fábrica de camisas de New York, polo seu colosal impacto na opinión pública fixo que se convertera na memoria e recordo das celebracións posteriores, limitadas á consideración da muller no traballo ata que, en 1975,  a ONU fixou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller.
Se ollamos para esta longa camiñada, a teimosa loita pola igualdade entre mulleres e homes foi avanzando pasiño a pasiño, porén continúa a ser unha tarefa inacabada máis alá de compromisos teóricos e boas intencións declaradas. A fenda salarial, o desnivelado grao de acceso ao traballo, a contratación precaria e actividade a tempo parcial, o máis elevado paro, xunta ao rol na imposible conciliación da vida familiar e persoal coa laboral continúan a marcar o relato da discriminación negativa.
Mesmo no ámbito da carreira profesional das mulleres integradas no mundo da gran empresa, con formación, logros, méritos e currículo igual ou superior aos seus compañeiros masculinos, atopan barreiras invisibles que lles impiden acadar o recoñecemento e desempeño de funcións directivas de máximo nivel. É o “teito de cristal” que ten en Ana Patricia Botín a excepción forzada que confirma a regra pola que outras Anas Patricias non teñen o trato xusto que merecen. Moito é o que queda por andar.

O TEITO DE CRISTAL

Te puede interesar