• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

A sorte de Matteo Renzi

Este domingo Italia decidirá, en referendo popular, a sorte da reforma 

Este domingo Italia decidirá, en referendo popular, a sorte da reforma política impulsada pola ousadía de quen preside o seu goberno, Matteo Renzi. A papeleta de votación vai asociada a súa propia continuidade institucional se fracasa no intento de sacala adiante. Facendo un simbólico cruce do Río Rubicón, anunciouse ao comezo da primavera nun clima social ben diferente ao actual; dentro dunha operación con duplo obxectivo: Cambiar os cementos da edificación constitucional para concentrar máis poder nas súas mans; e reforzar o seu rol de líder, sabendo que chegou á presidencia sen pasar polas urnas. Así, os mandatarios europeos, atacados dos nervios pola dinámica que puxo de manifesto a campaña transalpina, cruzan os dedos para evitar que nos atopemos coa mesma sorpresa que supuxo o Brexit inglés ou o plebiscito en Colombia.
Certo é que este ano imos de sorpresa en sorpresa se tomamos como boa a previsión dos estudios de opinión electoral. Por iso, o mundo dos mercados financeiros están preparados para unha saída tormentosa; e dicir, o triunfo do non. Atrás fica un proceso electoral no que Renzi optou por facer uso dunha das técnica dos bombeiros: combater ao lume con lume. Facer uso dun “populismo institucional” poñéndose ao nivel do discurso dos seu contrincantes; iso si, pedindo un voto diferente, lóxico é. En certo modo, como anterior alcalde de Florencia que foi antes de chegar a súa responsabilidade actual, opta polo modelo de conduta que o histórico paisano seu, Nicolás Maquiavelo, pai fundador da ciencia política, establecera personificada na “Vida de Castruccio Castracani”, ideal descrito antes nos consellos escritos para “O Príncipe”, cando di: “Era bo cos amigos, terríbel cos inimigos, xusto cos súbditos, infiel cos estraños; nunca intentou vencer pola forza cando podía facelo por fraude; xa dicía que era a vitoria a que traía a gloria e non o xeito en lograr esa vitoria”. Palabras que deben adaptarse a partir da linguaxe do Renacemento.
Agora, a vitoria de Renzi vai parella á maxia que poda producir a promesa de construír unha carísima ponte faraónica no Estreito de Messina, para unir continente e Illa de Sicilia; aposta última coa que redobra a partida publicitaria que lle preparou un afamado técnico da materia, importando para ocasión das terras americanas con ficha de crack futbolístico. Co mundo ollando de cara a Roma, tócalle falara a súa cidadanía. Alea iacta est.