• Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Saír dun buraco negro

Rajoy está a vivir esa difícil experiencia que representa o repto de ensarillar un deses mobles que se venden nunha coñecida cadea de negocios multinacional que non vén ao caso citar polo seu nome comercial.

Rajoy está a vivir esa difícil experiencia que representa o repto de ensarillar un deses mobles que se venden nunha coñecida cadea de negocios multinacional que non vén ao caso citar polo seu nome comercial. Sempre faltará algunha peza que dificulte facer a montaxe, ata o límite da paciencia, moito máis se non hai manual de instrucións como é a cuestión da labor de enxeñería política para acadar a suficiente cantidade de votos parlamentarios que permitan superar o proceso da investidura de presidente; peor aínda, para asegurar a estabilidade dun futuro goberno con notoria minoría no Congreso das e dos Deputados, exposto á vantaxe numérica da oposición.
O candidato inicialmente designado polo Rei, semella estar metido nun pozo que ben puidera ser un buraco negro. E dicir, na definición convencional da física, “esa zona finita do espazo estelar na que, no seu interior, existe unha concentración de masa o suficientemente elevada como para provocar un campo gravitacional de tal magnitude que ningunha partícula material, nin a propia luz, pode escapar dela”. Negro panorama, certo. Moito de metáfora da actual dinámica política.
Para alén diso, a esperanza da supervivencia no desolado campo de batalla posterior ás eleccións chega do anuncio que vén de facer o español Instituto de Física Corpuscular asegurando que “dos buracos negros tamén se sae”, fronte a todas as teorías anteriores que sosteñen o contrario. Para afirmar iso, os científicos do IFIC abordan a investigación analizando os buracos negros a partir de teorías máis alá da relatividade xeral, achega de Einstein que fala da gravidade e intúe a existencia deste obxecto que, na súa rexión máis fonda chamada “singularidade”, concentra máis enerxía e masa e na que se curva ata o infinito o espazo-tempo, coa destrución total da materia. 
Porén o estudo da institución Corpuscular velle defectos que apuntan a unha saída da situación.O túnel pasaría pola figura dun “buraco de verme” no que a masa soportaría un fortísimo adelgazamento coa mutación a unha peza non máis grosa que un fío; iso si, capaz de evitar o exterminio e de retornar ao espazo-tempo de partida. No peor dos casos iría expulsada ao outra rexión do universo. Visto o visto no enredo parlamentario o estudo científico do que se fala é unha boa simboloxía da situación. Próbese a substituír aos ineficientes negociadores de pactos e acordos por un consulting de expertos. Unha saída técnica á lea.