ROSALÍA RECUPERA O CONSENSO LINGÜÍSTICO

Alingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír. O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político. 
Velaí o comezo da “Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega”, asinada pola práctica totalidade das organizacións políticas nas que reside a representación da cidadanía do país, por iniciativa de A Mesa pola Normalización Lingüística. Boa nova, longo tempo agardada, pola recuperación do consenso arredor da extensión de usos do idioma propio, alterado nos pasados anos pola contestada política lingüística, do actual goberno galego, que rachou a unidade antes existente. 
Desta volta, ao pé da estatua levantada á memoria de Rosalía de Castro, na Alameda compostelá, en data simbólica que recordaba o 130 aniversario da súa morte; as organizacións políticas galegas, coas súas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, quixeron manifestar a súa “unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno”. Iso foi o rubricado de seu. Boa falla fai porque o “dereito a vivirmos en galego” segue a contar con infinidade de atrancos, mesmo desde os ámbitos da administración pública. 
Caso do evidenciado na demanda que se remata de ver nun xulgado da capitalidade galega pola inxustificable demora na atención sanitaria por causa de ter feito os trámite no idioma propio. Certo é, tamén, que vén de facerse pública gratitude ao Xulgado da Fonsagrada por levar  “25 anos traballando na lingua da súa xente” co recoñecemento “a esta labor do seu persoal”, promovido pola Irmandade Xurídica Galega e o concello. 
Un feito único que non deixa de pór de manifesto o preocupante retroceso social no uso cotiá da lingua propia e a necesidade de erradicar vellos e novos prexuízos que atrancan o seu proceso de normalización. O recuperado consenso é unha porta aberta á esperanza. 

ROSALÍA RECUPERA O CONSENSO LINGÜÍSTICO

Te puede interesar