RETORNO AO FUTURO

Andamos nestes días a comparar a realidade tecnolóxica do mundo idealizado que nos presentara a serie fílmica Back to the Future, aquí proxectada como Retorno ao Futuro, coa realidade dun planeta que dista moi moito do cadro pintado na ficción para datas do tempo actual. 
Certo é que tamén se ten aproximado nalgún dos avances imaxinados trinta anos antes. Faltaría máis, aínda que non se teñan inventadas as táboas de patinaxe voadoras ou as cordas máxicas que pasean soas aos cans e que o amarre automático do calzado só sexa un anuncio de marca deportiva, mesmo que a roupa non seque ao instante e que os coches non circulen voando por aí. 
O éxito que acompañou a esta proposta do cine futurista, un filón que explotaron con tres sucesivas tramas, está na base da ilusión que produce na xente a imaxinación dun tempo próximo no que se acadará a felicidade plena ao contar con aparellos que facilitarán a desaparición da ingrata carga de traballo que debe soportarse para sobrevivir a cada día. 
Un mundo feliz que ten moito de metáfora a respecto do discurso propagandístico do goberno de quenda. Así, escoitar ao Presidente do Goberno ou a calquera dos altofalantes que operaran de voceiros publicitarios na súa campaña electoral é como entrar no guión desa narración de ciencia ficción. De darse coincidencia entre a vida cotiá e o relato é pura casualidade fortuíta. Tan é así que está a circular, polos vieiros das redes sociais, un retranqueiro contiño no que un cidadán calquera entra nunha axencia de turismo a mercar unha viaxe a España. 
Sorprendida, a xestora do negocio intrigada e con desconcerto, pide que aclare o porqué dese destino xeográfico no que fisicamente está xa. O demandante concreta: Eu quero viaxar a ese outro noso país do que fala Rajoy.  Sabido é, para os que gustan da literatura de ficción científica, que na dimensión temporal é posíbel viaxar cara adiante e, tamén, cara atrás. Sen dúbida, coa xestión deste goberno esgotado por finalización de mandato, a viaxe temporal é un indiscutíbel retorno ao pasado. 
Involución consecuente coas políticas de recortes en dereitos e liberdades; unha reforma laboral que trouxo salarios de miseria, precariedade e pobreza imposta pola submisión aos ditados e interese de poderes foráneos. 
Compárense as imaxes icónicas deste último período coas fotos do branco e negro da época franquista, evidente semellanza. Urxe condutor para regresar ao futuro.
 

RETORNO AO FUTURO

Te puede interesar