A REDE DO GALEGO

Boa noticia para o futuro da lingua galega: Co gallo da celebración do Día do Libro e dos dereitos de autor, a Asociación PuntoGal suma a súa forza coa da Federación de Librarías para impulsar o incremento dos dominios en internet co sufixo “.gal”; dentro dunha campaña que nomean Cultiva a Lectura. Atinada proposta que vén arroupada polo anuncio de ter superado xa máis de tres mil dominios identificados cos sinais culturais e lingüísticos do país, nun período menor a dous anos desde a autorización e placet do organismo internacional regulador. 
Se ademais diso consideramos que noutra das iniciativas cibernéticas, caso da Galipedia, o número total de artigos chega a cifra de centro trinta mil; a rede de internet é un sólido camiño de promoción de usos do idioma. Boa falta fai. Novas positivas e alentadoras que contrastan con outras informacións que apunta á responsabilidade directa da Axencia de Turismo de Galicia, dependente directamente da Xunta, na causante de que Autopistas del Atlántico teña letreiros que non respecten a forma toponímica correcta, a única establecida legalmente, causando non só un culpábel incumprimento do seu deber se non, tamén, un quebranto á imaxe pública de país.
Velaí a lamentábel situación. No interior tiramos pedras en contra do noso patrimonio cultural e idiomático, no entanto fóra semella considerarse o seu valor. Vexamos se non o feito de que paralelamente á presenza galega na Feira do Libro de Bos Aires, cunha relevante delegación de autores da nosa lingua, a cultura galega tamén está a ser protagonista en Ann Arbor, onde se celebra nestes días un novo Simposio Norteamericano de Estudos Galegos baixo o paraugas da Universidade de Michigan. Contará coa participación de medio cento de “galicianistas” de múltiples centros académicos do territorio federal dos Estados Unidos; e de xentes achegadas de Galicia, para tratar temas de identidade galega, lusofonía, o novo cinema galego ou obras dos clásicos como Rosalía de Castro até artistas contemporáneos, casos de Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Sés, Dios Ke Te Crew, e outros moitos máis. Mirémonos nese espello.
Aproveitemos esta oportunidade de “cultivar a lectura e conseguir un dominio .Gal”, coa compra dun libro que trae de agasallo un marcador que inclúe o código a empregar na campaña de bonificación de varios provedores de acceso á Rede, contribuíndo así á extensión da lingua e da cultura galega, dentro do país e no planeta.

A REDE DO GALEGO

Te puede interesar