• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

A rebelión das granxas

Amobilización en curso da gandería galega, visible pola forza da ocupación simultánea das dúas cidades máis acaídas á respecto da importancia social e política do agro propio, nestes últimos días ateigadas cos simbólicos tractores que arrodean o seu perímetro urbano en lexítima protesta; máis alá do inmediato, reivindicando un prezo xusto para o leite recollido en orixe, é un moi claro sinal de alarma á respecto do preocupante futuro dun dos sectores básicos da economía do país. 
Sen dúbida algunha, toca forzar aos responsables políticos con competencias en materia agraria e de regulación dos mercados para que desempeñen o seu papel de xestores do interese público, amarrando o futuro da produción leiteira; só posible cun contrato de garantía da compra que asegure a total recollida pola industria legalmente establecida do leite producido nas explotacións, retribuído cun prezo que compense os custos de produción coa marxe razoable que se precisa para vivir dignamente no medio rural. Lembremos que as devanditas empresas de recollida e procesamento foron, en repetidas ocasións, obxecto de expediente e mesmo sanción pola práctica de ter pactado ilegalmente prezos, expresamente prohibido por lei ao ser contrario á libre competencia que formalmente opera no ámbito do mercado. Non se esqueza este dato relevante. A inoperante xestión dos gobernos de Feijoo e Rajoy, submisos ao abusivo negocio das grandes cadeas de alimentación que nesta cuestión están operando como reis do mambo sen que por parte da autoridade competente se teña posto coto ao seu impresentábel proceder de chantaxe, tenta ser xustificada en base ás decisións imperativas adoptadas mo marco da Unión Europea. Certo é que pesan de forma decisiva, no tema dos prezos do leite e noutros decisivos asuntos da política agraria común; aínda que isto non xustifica a desaparición de facto dos responsables, no ministerio e na consellería do ramo, ausentes do seu deber na defensa e protección da gandería.  
Porén, a rebelión das granxas é un magnífico barómetro do negro futuro que agarda ao agro galego, tamén ao de boa parte do territorio europeo, coa previsión das consecuencias que se derivan das previsións do Tratado de Libre Comercio entre a Unión Europea e os Estados Unidos de América, TTIP, na fase final dunha negociación que non pasa de ser un eufemismo que agocha o sometemento ao ditado das grandes corporacións alimentarias do alén Atlántico que teñen posto o seu foco na conquista e ocupación do mercado europeo. Ameaza certa e inmediata.