• Martes, 21 de Noviembre de 2017

A psicoloxía da turbación

Afectados polo impacto emocional

Afectados polo impacto emocional que representa o novo atentado do terrorismo que deixou tiradas nas beirarrúas de Niza preto a un cento de vítimas mortais, e aínda moitas máis feridas de certa gravidade; a nosa solidariedade para coas familias das persoas que perderon a vida dá, tamén, un salto cara atrás na historia para facer memoria daquel golpe de estado, disfrazado de alzamento militar, do que agora se conmemora o oitenta aniversario. Terror antes, terror agora.
O efecto de represión calculada deseñado polos estrategos da barbarie, executada a xeito de plan de exterminio, sementaría de cadáveres as cunetas das estradas ou consagraría o fusilamento ao amencer, logo de xuízos sumarísimos carentes de lexitimidade, nunha infame longa note de pedra que aínda perdura nun cómplice silencio que semella ser obxecto dun consenso institucional que procura manter pacto forzado na negación do dereito a coñecer a verdade. A dignidade das persoas que continúan soterradas nas fosas comúns dos cemiterios esixe rehabilitación de vez.
Velaí, dous acontecementos, un de sangrante actualidade no caso das vítimas francesas; e outro de memoria do pasado que continúa a pesar sobre a nosa conciencia cidadá como se fose unha pantasma que recorda a inxustiza dos mártires cívicos dunha causa democrática, pendentes do recoñecemento debido e da recuperación física do seus restos.
Certo é que a urxencia na necesidade política de formar novo goberno, co balbordo xornalístico e o seu efecto sobre a opinión pública, acalará o recordo histórico. O foco orienta a luz sobre o movemento dos actores neste enredo que pon en escena unha obra teatral na que as formas de expresión buscan desviar a atención do espectador. Por iso, aquí nada é o que semella ser, detrás do pano é onde está a producirse o verdadeiro proceso de negociación e troco.
Sexan para o investimento parlamentario da presidencia, para formar a Mesa do Congreso, para gobernar ou para o contrario. É aceptábel entender o medo a xestionar un país que debe aplicar o mandato europeo de redución do déficit, abordar a situación de alarma no sistema de pensións e atacar de vez o descontrolado endebedamento, sen que melloren indicadores de emprego ou benestar.
Así, enténdese as caras de póker dos que participan na partida, o xeito de ir de farol á espera de que alguén saque un ás da manga ou ver a mellor combinación de cartas. Tensión psicolóxica.