• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Política de marcha atrás

Se optamos pola procura do significado de marcha atrás, pescudando na rede de Internet atopamos

Se optamos pola procura do significado de marcha atrás, pescudando na rede de Internet atopamos como primeira opción, pola reiteración e prelación de citas, a súa referencia en relación a esa técnica nas relacións sexuais coa que se busca evitar o embarazo. Sorprende, aínda que nas últimas sondaxes de hábitos sociais se teña detectado unha extensión desta práctica, mal conceptuada como método anticonceptivo xa que realmente non é tal por máis que sexa a máis antiga das tácticas. Porén, na pescuda da significación, o agardado na lóxica da frecuencia de uso sería que ocupase un trato máis destacado a súa expresión en relación co xeito de conducir vehículos en dirección de marcha ao revés; e dicir, desandar o avanzado de cara adiante.
Velaquí unha metáfora da xestión política que nos vén enriba. Política de marcha atrás nas conquistas de liberdades e benestar social que foi logrando, pasiño a paso, unha parte da humanidade. Certamente, unha parte ben pequena do considerado primeiro mundo. Ámbitos da parte occidental do planeta Terra na que sopran ventos de cambio alimentados pola friaxe polar que reina total e absolutamente nos patróns climáticos da política con evidente probabilidade de provocar unha nova glaciación. No meteorolóxico tamén fai frío, mais é o clima típico do inverno.
Aquí, a respecto deste temíbel panorama social que está inaugurando etapa, no plano de casualidade simbólica vén a coincidir con este fenómeno de moderno timo que é o xeito de fixar o prezo do subministro da enerxía eléctrica polas operadoras, descarados oligopolios, que dominan o sector. Por máis que intenten unha xustificación en aparentes causas obxectivas, algunhas críbeis, a explicación é un truco semántico para darlle corpo a un sistema tan enigmático como inxusto ao que, ademais, suman imposicións tiradas do secuestro da vontade ao que someten aos gobernos de quenda, tal é o caso do déficit da tarifa e outras peaxes que encarecen o recibo. Pouco lles importa a súa reputación, mesmo desafían a imaxe pública pagando dispendios inmorais aos antigos presidentes de goberno incluídos con descaro nos consellos das empresas.
Para alén deste atentado hispánico a un dereito humano básico, o mundo mira para o informe “Tendencia Global” da intelixencia americana que pinta un negro panorama que aventura seremos próximas vítimas do cambio climático, a destrución de emprego pola automatización, o rexeite á inmigración e a tensión nacida da nova política de marcha atrás.