POLA XORNADA DE OITO HORAS

Conmemoramos outro Primeiro de Maio máis como finxida data de festa internacional do mundo laboral. Sen embargo, tal e como están as cousas, a clase traballadora non está precisamente para festa. Todo o contrario, fronte á propaganda do Goberno teimando en convencernos dunha irreal situación na que estaría superada a crise e de que todo vai ben, a realidade sitúanos nunha celebración que amosa a enorme dificultade para unha innumerable cantidade de milleiros de mulleres e homes que están sen traballo ou teñen un contrato que non é digno de tal consideración polas condicións de precariedade, temporalidade e abusos que leva implícitos na relación.
É consecuencia directa da reforma laboral do PP, o máis grande atentado aos dereitos dos traballadores e as súa familias de toda a era moderna. Con resultados que, á vista están, acabaron por configurar o escenario humano máis devastador da etapa democrática: incremento exponencial da desigualdade, aumento brutal do índice de persoas en paro, destrución e deterioro dos servizos públicos, diminución extrema da protección por desemprego, eliminación de servizos de amparo e axuda social, supresión inxustificable das axudas á dependencia, redución en número e contía das becas educativas, mingua na calidade da atención sanitaria e deterioro significativo nos servizos educativos, fame infantil, pobreza familiar e desafiuzamento de vivendas.
Aínda máis no que atinxe á perda masiva de dereitos laborais co incremento brutal da precariedade na contratación, diminución salarial que aboca á pobreza e á exclusión, emigración masiva forzada pola falla de oportunidades, cebada especialmente coa mocidade mellor formada dos últimos lustros, intento de desbotar a negociación colectiva como instrumento de protección fronte ao abuso da relación individualizada, utilización preocupante do fundo de reserva da Seguridade Social no marco dunha acusada perda no poder adquisitivo das pensións, aumento dos sinistros mortais…
Un panorama que se completa coa represión e recorte de liberdades, volta atrás á orixe do movemento sindical, memoria desta efeméride das e dos traballadores coa reivindicación e loita polo recoñecemento legal da xornada de oito horas fronte ao abuso dun horario real infrahumano.
Unha demanda que, hoxe en día, ten un significado tan válido como diferente: xornada de oito horas para rematar cos milleiros de contratos a tempo parcial, por un escaso número de horas. Traballo humano digno.

POLA XORNADA DE OITO HORAS

Te puede interesar