Pola vida do galego

Estamos convocados a participar, o domingo, no acto cívico que mobilizará a milleiros de persoas para manifestar a firme vontade de asegurar mil anos mais de vida para o idioma galego. Ese sinal de identidade básico que nos diferenza como entidade colectiva, ameazado pola forte caída no se uso, dato temido que puxo de manifesto o Instituto Galego de Estatística. Alarma vermella dunha situación que está a tempo de se reconducir de lograr que as institucións públicas, especialmente a Xunta, asuman a súa responsabilidade coa aplicación e cumprimento do que se acordou no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Vixente no papel impreso. Desprezado na práctica.
Este preocupante retroceso no uso do galego mesmo levou a Real Academia Galega a efectuar unha chamada de atención a xeito de declaración institucional nun manifesto, baixo o título “O galego dá vida, pola vida do galego”, que nos recorda que grazas “aos esforzos de innúmeras persoas e colectivos e contra os desatinos da historia, o galego conseguiu manterse e soerguerse, superando séculos de marxinación e décadas de persecucións. Nunca agradeceremos dabondo a xenerosidade, a afouteza e a visión de futuro de moitos galegos e galegas que foron quen de rescatar o noso idioma da prostración e de facelo pular nos distintos ámbitos, da creación literaria aos de medios de comunicación, o ensino ou os diversos ámbitos profesionais. Eses esforzos son a mellor mostra da adhesión do pobo galego cara ao idioma de seu. Estamos certos de que a inmensa maioría das xentes do país valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo”. Chamamento que conclúe: “Unha lingua é un universo de seu, pertence ao mellor saber da humanidade.
É unha ponte entre xeracións, un precioso elo coa historia e unha ferramenta valiosísima para o futuro, un medio de comunicación e tamén un recurso con valor emocional e económico. É un ben público, o máis semellante ao ar que respiramos. Temos un tesouro para compartir, sería imperdoable desbaldilo. Ter un idioma propio, orixinal, único, impón a obriga de conservar ese herdo para nós e para toda a humanidade”. Para asegurar que sexa falado “polas fillas dos nosos fillos” non podemos fallar ao convite de Queremos Galego que nos cita en Compostela para manifestar o dereito a unha longa vida para lingua galega.

Pola vida do galego

Te puede interesar