• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Pobreza con emprego

Oabuso fraudulento do sistema de contratación por días illados, mesmo só horas, é expresión da precariedade brutal na que se produce a relación laboral.

Oabuso fraudulento do sistema de contratación por días illados, mesmo só horas, é expresión da precariedade brutal na que se produce a relación laboral cotiá no mundo do traballo de hoxe en día, amosando un fenómeno de máxima inxustiza social ao provocar que preto a unha cuarta parte das persoas con emprego formal padezan unha situación de pobreza por recibir menos do sesenta por cento do salario medio. 
Evidencia indiscutíbel que vén de probar, para o caso español, un informe da Organización Internacional do Traballo fundamentado nun rigoroso análise dos datos actuais que botan por terra a propaganda oficial da falsa recuperación económica. 
Os responsables da dirección do Instituto de Estudios Laborais da OIT, institución con sede na cidade suíza de Xenebra, fixeron público o devandito estudo na data de conmemoración da chamada Xornada Mundial do Traballo Decente que se desenvolveu baixo o lema de “Stop á avaricia empresarial. 
Precariedade e baixos salarios é igual a máis desigualdade e máis pobreza”.  Mobilización internacional, pouco visible nos medios de comunicación, para denunciar a permisividade dos gobernos ou mesmo a súa complicidade ante os abusos das compañías de negocios que buscan conseguir beneficios rápidos, a costa dos dereitos laborais e sociais. Deste xeito é como se está a configurar, no ámbito do mundo globalizado, mercados de traballo cada vez con menor regulación, onde campan ao seu antollo a precariedade e os baixos salarios; e, como consecuencia diso, está a medrar de xeito acusado os niveis de desigualdade e pobreza. 
Contratos lixo que levan aparellada unha sistemática explotación na que é habitual a realización de xornadas de traballo moi superiores á sinalada no papel, en moitos dos casos forzadas e non retribuídas, diante dunha autoridade política que facilitou esta situación coa drástica reforma laboral imposta que degradou ao máximo os dereitos conquistados pola clase traballadora.  
Dinámica que ten provocado a existencia de catro millóns de persoas desempregadas, entre as que 3 de cada 4 buscan traballo desde fai máis dun ano e a metade deles xa non cobran prestación de tipo algún. 
Cos salarios reducidos nun 7% de media a respecto de fai catro anos, o 25% dos traballadores son temporais, porcentaxe que sube día a día dado que 9 de cada 10 novos contratos son deste tipo.  A tempo parcial suman 1,8 millóns de rexistros.  Así é como chegamos ao 22% de pobreza no emprego que sinala a OIT. Dato aterrador.